O exalcalde Pachi Vázquez citado a declarar ante o TSXG o 5 de Novembro como imputado polas contratacións irregulares no concello do Carballiño

30, Outubro 2014

O Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que actúa como instructor citou ao exalcalde carballiñés a declarar o vindeiro dia 5 de Novembro, mediante un auto con data do pasado dia 17 de Outubro no que incoa o sumario e encarga a práctica de distintas dilixencias, no proceso xudicial que investiga as irregularidades detectadas na contratación de 60 traballadores municipais no concello do Carballiño durante os mandatos dos alcaldes Pachi Vázquez e Carlos Montes.

Contra este auto, e tamén contra o do dia 6 de Outubro, polo que se admitía a trámite a querela da Fiscalía contra Pachi Vázquez por un presunto delito continuado de prevaricación pola contratación irregular de persoal no concello do Carballiño, interpuxo sendos recursos a defensa do exalcalde, que conta coa condición de aforado como deputado do Parlamento Galego. O propio Pachi Vázquez manifestou por medio dun comunicado que "non fará ningún tipo de valoración ata que se resolvan eses recursos".