O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga consolídase como un referente no panorama audiovisual galego

O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga pecha con éxito de participación de público a segunda edición desde o cambio do formato impulsado en 2024. De mércores a sábado, o Auditorio Manuel María do Carballiño acolleu a proxección de 32 curtametraxes de 22 nacionalidades que foron valoradas polo xurado e polos espectadores. A organización do festival recolleu ao longo das 9 sesións máis de 500 papeletas do voto do público, o que dá conta da boa resposta por parte da poboación.
Os directores artísticos, os irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy, valoran moi en positivo os datos de participación acadados nesta segunda edición, tanto nas proxeccións coma nas actividades paralelas. “Xa estamos pensando na edición do ano que vén, que promete seguir amosando as mellores curtas internacionais e sumando asistentes nun certame que recuperou o seu lugar como evento cultural de relevancia no Carballiño e na rede de festivais de cinema galegos”, apuntan.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, pon en valor o traballo realizado polos directores e dá conta da importancia deste tipo de festivais para o concello. “É un orgullo que O Carballiño acolla obras inéditas a nivel estatal e galego, incluso estreas mundiais como ‘As maos da pulpeira’, que levará o nome do Carballiño por festivais de todo o mundo”, explica.
As proxeccións incluíron a estrea de 18 curtas internacionais en Galicia e 4 en España. O edil tamén destaca o papel do festival para os novos creadores e creadoras, que o valoraron “moi en positivo” como plataforma para dar a coñecer o seu traballo.
Curtametraxes premiadas
Mellor videoclip: “Equilibrar” (Hugo Guezeta e Guadi Galego) dirixido por Adrián Diaño.
Mellor dirección de fotografía xove patrocinada por Rc Service: Aaron Vilariño por “Romance de la Luna Luna” de Jimena Herrero
Mellor curta Xénese patrocinada por Gadis: “Furia” de Fran Moreno e Santi Pujol Amat. Mención de Honra: El príncipe Nigeriano de Marcel Sespulgues.
Mellor curta galega patrocinada por Rc Service: ·Algo novo que contar· de Paula Pereira.
Premio do público: ·Les dernières neiges” de Sarah Henochsberg (cun 8'68).
Mellor curta internacional Xentes: “Nothing Happens After That” de Ibrahim Omar.
Mencións de honra para de Marta Reis Andrade e "The Man Who Could Not Remain Silent" de Nebojša Slijepčević.
O palmarés desta segunda edición conta con seis filmes premiados. “Equilibrar” (Hugo Guezeta e Guadi Galego), dirixido por Adrián Diaño, resultou vencedor na categoría de mellor videoclip con 204 votos a través de redes sociais.
Aaron Vilariño levouse o galardón a mellor dirección de fotografía xove por “Romance de la luna luna” de Jimena Herrero.
“Furia”, de Fran Moreno e Santi Pujol levouse o premio a mellor curta Xénese, na que tivo mención de honra “El príncipe Nigeriano” de Marcel Sespulgues.
“Algo novo que contar”, de Paula Pereira, resultou gañadora na categoría de mellor curta galega. “Les dernières neiges”, de Sarah Henochsberg levouse o premio do público, que lle otorgou un 8,68.
Por último, “Nothing Happens After That” de Ibrahim Omar gañou o premio a mellor curta internacional Xentes. “Cao Sozinho” de Marta Reis Andrade e "The Man Who Could Not Remain Silent" de Nebojša Slijepčević.