O gaiteiro carballiñés Isidro Vidal regresa da xira por Estados Unidos e prepara a estrea do 1º viacrucis con música de gaita, encargo da Cofradía da Veracruz

25, Marzo 2019

O gaiteiro carballiñés Isidro Vidal acaba de chegar dunha xira polos Estados Unidos, que o levou a actuar nas cidades de NewPort e Boston. Alí colaborou coa Banda de Gaites Corvera d´Asturies, convertíndose nos primeiros Europeos en participar no St. Patrick´s Parade Southie de Boston.

Esta colaboración coa agrupación Asturiana, surxe trala labor de composición e arranxos musicais levado a cabo no último trimestre do 2018 polo músico Carballiñés para esta formación.

Coa volta toca retomar as composicións, xa que na semana santa do Carballiño estreará a obra “Vía de Fol”, que consiste no primeiro viacrucis musical da historia da gaita. Esta obra é un encargo da confradía da Vera Cruz do Carballiño para poder ampliar así a oferta cultural dentro dos actos da Semana Santa. Este non é o único encargo compositivo, xa que para os próximos meses deberá facer entrega doutras obras encargadas por agrupacións doutras comunidades.

O estudio de gravación seguirá sendo a súa segunda casa, xa que segue coa gravación do seu primeiro traballo discográfico en solitario, onde reflexa as súas inquietudes e as súas ganas de explorar arredor do instrumento por excelencia de Galicia.

Fai un par de semanas lanzou en redes sociais a invitación de participar no seu disco a todos aqueles que quixeran, e durante o próximo mes, serán máis de cincuenta músicos os que se sumen a esta iniciativa, convertíndose nun dos primeiros músicos en facer partícipes dunha gravación aos seus fans.