"O goberno municipal do PSOE, amparado por Alternativa Veciñal, minte sobre o inicio da remunicipalización da recadación", asegura o Partido Popular

4, Xaneiro 2018

Recordan dende o Partido Popular como "o día 18 de Decembro de 2018 en comparecencia pública do Alcalde Sr. Francisco Fumega e o Concello de Alternativa Veciñal Sr. Bernardo García, manifestaron, dándose a razón un ao outro, que antes de que rematase o 2017, porían en marcha a primeira fase de municipalización do servizo de recadación, e que algunhas taxas poderían cobrarse xa nas propias dependencias municipais. Din de igual forma que se instalaría un caixeiro no propio Concello e tamén afirmaron que con esta medida se mellora a democratización do funcionamento e transparencia do concello".

Non obstante, afirma o Partido Popular que "a realidade a 4 de xaneiro de 2018, é que non se cobra aínda ningunha taxa nin grande nin pequena no propio concello do Carballiño, de igual forma é que non está instalado ningún caixeiro de ningunha entidade financeira nas dependencias municipais, e o que aínda é mais grave, o servizo de recadación volve a estar en precario, pois a vixencia da enésima prórroga e cesión do contrato rematou o pasado día 31 de decembro de 2017 e aínda non saíu a concurso o novo procedemento que se contempla de 1 ano + outro de prórroga, e nin aprobado está o prego de condicións".

E van máis alá os populares ao afirmar "se pretenden con este incumprimento falar de democratización e transparencia, e están equivocados de cheo, pois democratización nada de nada, este é un secuestro consentido do goberno municipal por parte do único concelleiro de Alternativa Veciñal, e de transparencia nada de nada, pois imos de mentira en mentira".

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular, están sorprendidos "de cada episodio que non queren facer ver tanto dende alcaldía como dende Alternativa Veciñal, pois a Fumega interésalle facer que fai e a Bernardo esta mentira só lle vale para que ante os seus colaborades pareza que está todo municipalizado e que le fixo algo", remarcan

Respecto a cobrar no concello certas taxas,os populares manifestan "ser sabedores do malestar existente entre o persoal laboral, maioritario respecto do persoal funcionario que en gran medida están en contra de ter que facer cobros sexa polo sistema que sexa, pois non está nas súas funcións do posto de traballo, tamén a data de hoxe non existe ningún regulamento nin disposición municipal que regule dentro do concello esta nova fórmula de cobro".

Finalmente, recordan que solicitaron dende o Grupo municipal do PP no derradeiro Pleno, que se informe por parte de secretaría a legalidade de que persoal laboral non funcionario, poida facer este tipo de traballo "que parece máis adecuado por lei aos funcionarios".