O goberno municipal visita o Mosteiro-Universidade Budista, un proxecto que investirá 1,5 millóns de euros en Ventoselo

7, Xaneiro 2020

Unha representación do goberno municipal bipartito de San Amaro, encabezada polo alcalde Rubén Gómez, visitou as instalacións do Mosteiro Chu Sup Tsang, sito na aldea de Ventoselo, e no que se proxecta unha inversión de máis de 1,5 millóns de euros por parte desta comunidade de monxes busdistas.

Dende o concello de San Amaro agradecen "a excelente acollida que tiveron durante esta visita", na que os gobernantes municipais coñeceron ao "venerable Gueshe Tenzinng Tanding", do que resaltan "a calurosa benvida" que tivo coa representación municipal.

Alcalde e concelleiros coñeceron os terreos onde se vai construir un"templo formal" para 500 persoas , unha biblioteca con colección de textos de todas as relixións e filosofias, unha sala de meditación, un edificio de culto, asi como dormitorios e outras dependencias.

Tras esta visita, o alcalde Rubén Gómez, destaca que "é o proxecto de máis envergadura realizado no noso concello, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros, e San Amaro é xa un referente por contar con este monasterio, un dos máis importantes de España e Europa, e esta inversión será un novo revulsivo para atraer visitantes a San Amaro".