O Grupo de Goberno xestionará este ano un orzamento municipal de 9,6 millóns de euros, o Partido Popular facilitou coa abstención a súa aprobación, mentres BNG e AV votaron en contra

23, Maio 2018

O alcalde socialista Francisco Fumega, cun grupo en minoría no pleno da Corporación, volve conseguir sacar adiante os orzamentos anuais, e faino por terceiro ano consecutivo valéndose da abstención de un dos tres grupos da oposición.

Desta vez foi o Partido Popular coa abstención dos seus seis concelleiros quen permitíu a Fumega a aprobación inicial dos orzamentos para este ano 2018, cifrados en 9,6 millóns de euros para o presente exercicio.

Tanto BNG como Alternativa Veciñal votaron en contra do documento presentado polo grupo de goberno, que consideran continuista "un corta e pega" que non aporta nada novo, argumentaron.

Nesta mesma sesión de pleno extraordinario na que se aprobaron os orzamentos, tamén foi inicialmente aprobada a Relación de Postos de Traballo -RPT- no concello do Carballiño, neste caso grazas a tres abstencións, as dúas do BNG e a do portavoz do PP, Argimiro Marnotes. En contra votaron os outros cinco concelleiros populares e o concelleiro de AV-En Marea, Bernardo García.

A corporación tamén aprobou unha modificación de crédito por importe de 790.000 euros, procedentes do superavit de 2017, que en gran parte se vai destinar a sadar a débeda municipal, según anunciou o alcalde nesta sesión plenaria.

Tamén se aprobou a adhesión do concello do Carballiño á "Rede de Cidades que Camiñan".