O grupo municipal socialista "congratúlase de que o goberno do PP atendese as demandas socialistas e levase a cabo a obra de humanización da Rúa Real", na vila de Leiro.

2, Agosto 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro congratúlase de que o goberno municipal do Partido Popular escoitase por fin as demandas socialistas e procedese ao arranxo e humanización da rúa Real, en pleno casco urbano do municipio. Os e as socialistas sinalan que con esta reforma “gaña á veciñanza”, cunha mellores condicións de benestar e mobilidade e ofrecendo unha maior seguridade aos vehículos e peóns que circulan por dita rúa.

Dende o grupo municipal socialista explican que o arranxo da rúa Real “foi unha reivindicación do noso grupo dende o ano 2020, cando presentamos o primeiro escrito”. Neste senso, lembran que en setembro de 2021 presentaron unha moción para o seu debate no pleno, na que pedían a reforma e humanización de dita rúa, pero tal e como apuntan “o alcalde negouse a debater da moción, retirándoa da orde do día e facendo uso dunha política ditatorial e caciquil, que só buscaba darlle ás costas aos veciños e veciñas que padecían a problemática do pésimo estado da rúa”.

“Tres anos despois, a reforma da rúa Real é unha realidade”, destacan os e as socialistas, que tamén apuntan que “este é un triunfo da veciñanza, que por fin verá mellorado o seu día a día, sexa da cor política que sexa”. O edil socialista no concello de Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, afirma que “queremos transmitir os nosos parabéns á cidadanía en xeral, xa que a loita que se perde é a loita que non se empeza, e neste caso fomos tódolos veciños e tódalas veciñas, un exemplo de loita para lograr o arranxo desta emblemática rúa”.

Rodríguez Vázquez fai fincapé en que esta actuación “era imprescindible”, xa que tal e como indica “a rúa presentaba numerosas deficiencias e anomalías coma perigosos desniveis e profundas fochancas, polo que era vital unha reforma deste tipo”. O concelleiro socialista tamén subliña que “agardemos que o alcalde tome nota desta reforma e proceda igual co resto do patrimonio e estradas que seguen agardando por unha actuación e que a día de hoxe presentan un estado deplorable”. Por último, sinala que “os e as socialistas seguiremos a loitar por un Leiro mellor e no que se escoiten as reclamacións da veciñanza”.