O Grupo Provincial Socialista require urexente que a Deputación poña en marcha un plan de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar, oscilando entre entre os 100 e os 250 euros.

5, Setembro 2023

O Grupo Provincial Socialista vai presentar unha moción para que a Deputación de Ourense poña en marcha un plan de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar este mesmo curso escolar 2023/2024. As achegas irán dirixidas ao alumnado de todos os níveis educativos empadroado en calquera concello da província de Ourense de menos de 20.000 habitantes, oscilando a súa contía entre os 100 e 250 euros. O voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, en rolda de prensa cualificou a medida de "urxente", habida conta do inicio inmediato, o vindeiro 11 de setembro, do que é "o curso máis caro da historia para as familias", incidindo no "especial impacto da economía de nais e pais de alumnos nunha provincia onde o perfil socioeconómico se víu aínda máis fraxilizado no actual contexto".

O máis recente informe da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) conclúe que cada alumno de entre 3 e 18 anos gastou durante o pasado curso escolar 2.186 euros de media, situándose este custo en Galicia en 1.287 euros de media. Despois de ter falado con libreiros da provincia, que evocan subas dun 20-25% respecto ao pasado ano, só en libros de texto cada familia ourensá pode gastar entre 300-400 euros para un alumno de primaria, máis de 500 euros en secundaria e non menos de 200 euros en de infantil. A isto hai que engadir, segundo cifras da OCU, 95 euros material escolar, máis de 30 euros nas cotas das AMPA, uns 111 euros en actividades dos centros, 100 euros en conceptos de diversa índole e 161 euros en uniformes, alí onde estes son requiridos. "Na conxuntura actual de elevada inflación o inicio escolar supón un duro golpe para as xa de por si precarias economías domésticas", enfatizou Vila.

"A política de axudas do goberno autonómico é a todas luces insuficiente, a pesares do triunfalismo recentemente amosado por Alfonso Rueda, quen non cesa de arremeter contra o modelo de gratuidade total instaurado en 2009 polo goberno bipartito, con efectos certos sobre as familias", sostivo o voceiro socialista, arroupado polo groso dos deputados do grupo provincial. Amais, non se pode pasar por alto que, á luz dos datos da Axencia Tributaria relativos ás declaracións do IRPF da Provincia, un ourensán cobra 1.500 euros menos ao ano que a media de Galicia, non chegando os ingresos de case a metade dos contribuíntes aos 12.000 euros anuais, e ganando algo máis dun 30% dos ourensáns menos de 6.000 euros ao ano. Así as cousas, o Informe Europeo de Pagamento de Consumidores elaborado pola consultora Intrum, destaca que tres de cada catro fogares van endebedarse co inicio do curso.

Para Vila, "precísanse medidas urxentes para facer fronte aos gastos do curso escolar, que ameazan á estabilidade dun importante número de familias da nosa provincia, e de aí a necesidade, e urxencia, da nosa moción". A proposta socialista contempla que a contía destas axudas oscile entre os 100 e os 250 euros por alumno para as unidades familiares con ingresos inferiores ao 3 do IPREM, sendo este en 2023 de 8.400 euros anuais, resultando elixibles para as achegas as unidades de convivencia que non superen os 25.200 euros anuais. "O monto global das axudas é máis razoable, facilmente obtible pola Deputación, xa sexa a través da eliminación de gastos superfluos ou destinando parte do remanente orzamentario, que adoita ser repartido con criterios máis que dubidosos en partidas que non teñen un impacto tan directo na estabilidade e benestar das familias", recalcou Vila.