O grupo socialista reclama ao goberno municipal a aprobación dos orzamentos para este ano

28, Xaneiro 2014

Os socialistas lembran que xa no ano pasado o Concello prorrogou os orzamentos do exercicio anterior.

Auguran que “a intención do goberno municipal e volver a facelo este ano”. Consideran “inaudito” que un goberno con maioría absoluta sexa “incapaz de sacar adiante uns orzamentos”. Recalcan que "non se entende que un goberno con maioría absoluta, que non ten ningún impedimento para facelo, non teña presentado a estas alturas os orzamentos para este ano"

Para os socialistas, a nova prórroga dos orzamentos sería un exemplo máis da “desidia e inacción que caracteriza ao goberno municipal que preside Argimiro Marnotes, quen anda máis ocupado nos seus asuntos persoais, imputación incluída, que nas cuestións que afectan aos cidadáns”.

Consideran que o goberno municipal “condena ao Carballiño a unha parálise absoluta, xa que os orzamentos son necesarios para unha axeitada xestión dos recursos económicos dos que se dispón, así como para a xeración de novas inversións, execucións das previstas, e para optar a subvencións”.

Esixen por elo a Marnotes que, “ao igual que se deu presa para aprobar as Ordenanzas Fiscais e subir as taxas, presente dunha vez os orzamentos previstos para este ano”, xa que “os cidadáns teñen dereito a coñecer a qué se destinan os cartos que están a pagar a través das taxas municipais”.

“O goberno municipal estase a caracterizar pola súa avaricia recadatoria, na que os veciños teñen que pagar cada vez máis en impostos pero reciben cada vez menos beneficios”, apuntan.