O IGAPE salienta no Ribeiro a importancia da internacionalización dos viños galegos

11, Abril 2016

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou a cooperación entre produtores, entidades que os agrupan e Administración como instrumento clave para afondar na internacionalización dos mellores viños galegos.

Destacou igualmente o esforzo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que este ano dedica 8,5 millóns de euros a apoiar, mediante o programa Galicia Exporta, a presenza das Pemes en eventos expositivos internacionais.

Durante a súa intervención na presentación da nova colleita da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro, que agrupa máis de trinta produtores e suman 700.000 litros, salientou o especial valor das iniciativas agrupadas para participar en eventos expositivos internacionais e para captar novas oportunidades de negocio no exterior. Durante a presentación, á que asistiu tamén o director de Internacionalización do Igape, Abel Veiga, Aguilera recoñeceu o esforzo de internacionalización dos colleiteiros do Ribeiro, que participaron na Galician Gourmet Extravaganza, en Bruxelas, e na feira Prowein, en Alemaña.

A Asociación de Colleiteiros explorou tamén este ano o mercado australiano e prevé buscar negocio en Corea do Sur e Canadá. Os viños galegos amparados polas cinco denominacións de orixe buscaron novos mercados exteriores na feira internacional ProWein, que se desenvolveu do 13 ao 15 do pasado marzo en Düsseldorf.

Grazas ao traballo da Xunta, os viños galegos contaron cun espazo expositivo de 200 metros cadrados no pavillón do ICEX, que visitou hoxe o director do Igape, Javier Aguilera, para reforzar a presenza da delegación galega. O director do Igape subliñou, así mesmo, que os caldos do Ribeiro contan con calidade demostrada como para conquistar aos consumidores máis esixentes e para representar a marca Galicia no exterior, na procura de novos clientes para os produtos agroalimentarios.

As exportacións dos viños galegos a todo o mundo ascenderon a 42,3 millóns de euros o pasado ano, rexistrando un incremento do 6,3% sobre o ano anterior. Para impulsar as exportacións dos viños galegos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asinou, a través do Igape, un acordo marco cos consellos reguladores para desenvolver, a partir da presenza en ProWein, un plan de promoción dos viños de Galicia, que busca incrementar o volume das exportacións mantendo os prezos medios.

A través do Instituto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a promoción exterior dos viños galegos cun plan específico que, por iniciativa do sector, aposta por triplicar, ata 2017, as exportacións a Alemaña, un mercado con alto potencial consumidor, so por detrás de Francia, Estados Unidos e Italia.