O parque municipal acolle este domingo a xornada de convivencia de Special Olympics Galicia

1, Xullo 2016

Arredor de 900 persoas participarán este domingo,3 de xullo, na vixésima edición da xornada de convivencia familiar para persoas con discapacidade intelectual Special Olympics Galicia, que se celebrará no parque municipal do Carballiño.

En total, serán vinte as asociacións das catro provincias galegas que estarán presentes nesta xornada de convivencia que comezará ás 10,30 h., e rematará ás 19,00 h.

O evento presentouse esta mañá no salón de plenos do concello coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega; do presidente de Fademga, Eladio Fernández; Bernardino Graña, en representación da Deputación provincial; Josefa Rodríguez, presidenta de Aspadisi e dous mozos de Aspadisi.

Francisco Fumega destacou o labor que desenvolven as familias das persoas con discapacidade intelectual e amosou a súa satisfacción por acoller un ano mais esta xornada de convivencia no Carballiño.

Bernardino Graña disculpou á concelleira de servizos sociais da Deputación, que se atopaba no pleno da institución, e agradeceu ao concello e a Fademga Special Olympics o traballo que levaban a cabo para organizar este evento.

Eladio Fernández loubou ás institucións pola colaboración prestada, concello, Deputación e Xunta e, sobre todo, a Aspadisi e ás familias das persoas con discapacidade intelectual polas iniciativas para mellorar a vida destas persoas. O presidente de Fademga recordou que esta xornada de convivencia comezou había vinte anos no Carballiño e a partir de aí se crearon moitas asociacións como a propia de Aspadisi. Asemade, adiantou que ían entregar a Medalla Special Olympics do 2016 ao profesor xubilado de Vilagarcía Xosé Luis Queiruga. Eladio Fernández sinalou, finalmente, que neste intre había unha boa relación de coopoeración entre Fademga es as asociacións de persoas con discapacidade intelectual e as administracións públicas, especialmente, coa Xunta.

Marina Ortega expresou a súa honra por recibir unha vez máis no Carballiño aos familiares e ás persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia, e dixo que estaba orgullosa de colaborar para que estas persoas poidesen levar unha vida coa maior autonomía posible.

Finalmente, Josefa Rodríguez presentou a dous mozos de Aspadisi que explicaron a súa colaboración con este evento. Así dixeron que elaboraron eles mesmos os agasallos que se ían entregar o domingo, e que incluso idearon algunhas alternativas para o ocio durante a xornada.

O acto inaugural está previsto para as 11,00 h; ás 12,30 h., haberá actuacións musicais; o xantar será ás 14,00 h; ás 15,30 h., terá lugar o fallo do concurso de repostería, e despois comezarán as actividades de ocio, con xogos de mesa e outras iniciativas, e ás 19,00 h., será clausura e entrega de premios.