O Partido Popular culpa ao alcalde de Maside do retraso na tramitación do PXOM

15, Febreiro 2013

Os populares abandonaron o pleno extraordinario da corporación masidá "porque non podemos votar o que non coñecemos".

O Partido Popular solicitara a convocatoria para "aclarar os verdadeiros motivos" que levaron ao redactor do PXOM a presentar a súa renuncia. Tamén quería a oposición saber dos traballos realizados polo técnico redactor durante os últimos anos e ata o momento de presentar a renuncia. Nin unha cousa nin a outra, no primeiro punto do pleno "renuncia do adxudicatario" volveuse dar conta -xa se fixera no anterior pleno ordinario- da renuncia do redactor e aceptouse a mesma por parte da corporación.

No segundo punto da orden do dia "convocar concurso para continuar a redacción do PXOM sobre o traballo realizado polo adxudicatario dimisionario", o alcalde alegou non dispoñer desa información, asegurando que unha vez aceptada formalmente a renuncia do redactor sería xa o momento de demandar esa documentación. O portavoz popular Juan Alvarez manifestou a súa extrañeza pola situación "cómo podemos emitir unha opinión favorable ou desfavorable, expliquenos como podemos opinar e votar si non nos entregaron o expediente nin documentación algunha", suliñou. Solicitou que o asunto quedase sobre a mesa ata que non poidesen contar coa documentación, petición que non foi atendida polo Alcalde Celso Fernández. Neste momento, os populares abandonaron o salón de plenos "ante esta tomadura de pelo". Os socialistas aprobaron cos seus votos iniciar o procedemento para continuar coa redacción do PXOM "sobre o traballo realizado polo anterior adxudicatario".