O Partido Popular define a moción de censura no concello do Irixo como "un triste reparto de cargos e postos que terán que explicar cando tan so van 52 dias de mandato".

9, Agosto 2023

O presidente provincial do PPdeOU, Manuel Baltar, define o acordo avanzado este martes por COPE O Carballiño entre os grupos da oposición do Concello do Irixo que desembocará nos próximos días nunha moción de censura contra o alcalde, o popular Manuel Cerdeira, coma “unha triste loita polo poder, un reparto de cargos e de postos. Cuestións que hai que poñer, sempre, por detrás dos veciños, sen priorizar nunca temas persoais ou partidistas”.

“Esta moción de censura terán que explicala os concelleiros asinantes”, sinalou Manuel Baltar antes de lembrar que o acordo coñecido esta mañá “apenas dará a metade dos 100 días de cortesía tradicionais da democracia e, por suposto, non dará oportunidade ao goberno para poder desenvolver o programa apoiado de forma maioritaria pola veciñanza do Irixo nos comicios celebrados o pasado 28 de maio”. “Este acordo de intereses persoais demostra que, ou ben os grupos da oposición se equivocaron ao non poñerse de acordo antes da constitución dos concellos ou que o erro ven agora”, di o presidente provincial do PPdeOU, incidindo en que “no momento de presentar unha moción de censura hai que argumentala, hai que explicala, hai que sinalar as cuestión deficitarias e o que se pode mellorar. E todo isto aquí queda reducido, insisto, a unha mera loita polo poder”. “

Os asinantes deste acordo terán que explicar moi ben neste mandato, que ven de comezar hai so 52 días, as razóns polas que non acordaron un goberno antes da data de constitución das corporacións, o pasado 17 de xuño, e por que agora, empregando unha ferramenta definida para censurar o goberno, que accións do goberno critican e teñen que ver coa suposta argumentación dunha moción de censura improcedente, e por suposto sen razoar”. “Sentímolo polos veciños do Irixo. Pero creo sinceramente que esta moción de censura afondará nunha cuestión: para que nos presentamos aos comicios uns, e para que se presentan outros”, conclúe Manuel Baltar.