O Partido Popular deposita a súa confianza en Luis Jorge Álvarez Ferro "para recuperar a alcaldía de Maside"

17, Xaneiro 2019

O Partido Popular de Ourense fará "unha importante aposta por recuperar a alcaldía de Maside" coa candidatura que liderará Luis Jorge Álvarez Ferro (Ourense, 1958), que como funcionario da administración autonómica aportará a súa vocación de servizo público “para situar de novo a Maside no mapa provincial”.

Un Plus de experiencia e sobrada ilusión que a veciñanza saberá recoñecer, asegurou o presidente provincial, Manuel Baltar, “para por en marcha unha nova forma de gobernar e darlle velocidade a un concello que estivo dormido todos estes anos”.

Álvarez Ferro estréase en política “adquirindo un compromiso con Maside, que non é outro que dinamizar o concello”. Recoñece que non lle gusta o que ve hoxe, “por iso aspiro a conseguir o apoio da miña veciñanza para demostrar, dentro de catro anos, que Maside precisaba e merecía un cambio”.

O candidato popular, para quen o único lema que coñece é “traballar, traballar e traballar”, quere contar cun equipo de persoas “que lle dean un aire novo ao concello, convertido a Maside nunha opción real pero tamén ideal para vivir”.

Neste sentido, Luis Jorge Álvarez afirma que porá a disposición da súa xente “toda a miña experiencia profesional e sobre todo de xestión, para conseguir o maior número de investimentos e servizos en todos os ámbitos, pensando tanto nos rapaces, como nos mozos e nas persoas maiores, pero sobre todo procurando posibilidades de emprego que fagan crecer o concello”.

Desde a presidencia do PP, Manuel Baltar, subliñou a importante aposta que os populares están a facer para recuperar a alcaldía de Maside, “regresando á senda dun goberno local serio e rigoroso, cando outras formacións prescinden do seu alcalde, como é o caso que nos ocupa” Hoxe, engadiu, “saudamos a incorporación ao proxecto político do PP dun profesional da xestión pública, unha persoa que coñece perfectamente o funcionamento da administración e, sobre todo, do noso sector primario e o seu potencial”.

Precisamente por toda esa experiencia e polo seu labor, con presenza en postos de representación en distintos organismos, “estamos seguros de que Maside vai contar cun líder, que é o que precisa un concello que ten moito máis que ofrecer que o que recibiu a veciñanza ata o de agora, é dicir, máis visión de futuro, máis proxección e capacidade de relación con outras administracións”.