O Partido Popular facilita coa súa abstención a aprobación do orzamento municipal 2016, contra o que votaron AV e BNG

2, Febreiro 2016

O concello do Carballiño contará para este ano cun orzamento de 9.455.000 euros.  A maior partida corresponde ao capítulo de bens e servizos que, con 4,8 millóns de euros, supón o 51,3% do total. Os gastos de persoal, con 3,2 millóns de euros, representan o 34,6%. As inversións acadan algo máis de 0,5 millóns de euros, que é o 6,1% do presuposto.

Este orzamento aprobouse na sesión plenaria desenvolvida na tarde de onte, 1 de febreiro. O resultado da votación foi o seguinte: 8 votos favorables (PSdeG-PSOE), 5 abstencións (PP), e 4 votos en contra (BNG, AV e o voceiro do PP que se xustificou aducindo que o seu voto negativo era para poder facer un seguimento dos acordos acadados co alcalde e alegar en caso necesario).

A través desta emisora de radio explicaron o sentido do voto os voceiros das catro grupos políticos representados na corporación municipal do Carballiño.

Bernardo García, de Alternativa Veciñal-En Marea, apuntou a "un pacto encuberto entre PSOE e PP, un cambalache entre ambos para protexer os seus intereses e perpetuar unha Relación de Postos de traballo -RPT- que non se corresponde coas necesidades do concello". O representante de AV  non se fía da "provisionalidade" desta RPT e do compromiso do grupo de goberno de presentar unha nova RPT no presente ano.

Dende o BNG, Chema Ferreiro, manifestou que  o seu grupo non pode "comulgar con rodas de muiño" e participar da "cereromia posta en escena por socialistas e Partido Popular, que coinciden no sustancial", polo que son "unhos orzamentos continuístas", subliñou.

Argimiro Marnotes manifestou que o Partido Popular facilitou coa súa abstención a aprobación dos orzamentos "por un sentido de responsabilidade política co Carballiño, agora o grupo de goberno xa ten unhos orzamentos cos que desenvovler o seu proxecto, ao que dende o Partido Popular conseguimos incorporar varias propostas, froito da nosa experencia de goberno", remarcou.

O grupo socialista mostrou, en voz de Adolfo Nogueira, "a satisfación pola aprobación destes novos orzamentos cos que conta o concello do Carballiño despóis de varios anos con orzamentos prorrogados", recoñecendo que "tal como xa manifestou en pleno o alcalde son unhos orzamentos mellorables, pero son agora mesmo os orzamentos posibles".