O Partido Popular insta ao Goberno de Sánchez a mellorar "o deficiente servizo" de Correos nos concellos da provincia

9, Decembro 2025

O Grupo Provincial do PP instará ao Goberno de Sánchez a mellorar o deficiente servizo de Correos que se presta na nosa provincia, a través dunha moción que levarán ao vindeiro pleno do mes de decembro.

Trátase dun novo recorte do Goberno Central contra o medio rural que se suma ao peche de cuarteis, á redución de frecuencias necesarias do AVE a Madrid, á centralización na cidade das competencias en materia de violencia de xénero en detrimento dos xulgados comarcais, entre outras moitas cuestións que están a privar á nosa veciñanza de servizos básicos e que contribúen ao seu desmantelamento.

A portavoz do Grupo Provincial do PP, Patricia Torres, acompañada polos representantes sindicais María Paz Saavedra de CC.OO. e Juan Carrera de C.G.T., e por representantes municipais populares, presentaron hoxe, na oficina de Correos da Derrasa do Pereiro de Aguiar, os detalles desta iniciativa que denuncia a falta de persoal, o atraso na entrega da correspondencia e a acumulación de envíos.

“Unha vez máis temos que poñer en evidencia o maltrato e a desidia do Goberno Central coa provincia de Ourense, desmantelando o servizo de Correos no rural e precarizando o traballo do persoal”, afirmou Patricia Torres, quen insistiu na importancia deste servizo nunha provincia “como a nosa cunha alta porcentaxe de poboación envellecida e cunha gran dispersión xeográfica”. Por elo, desde o Grupo Provincial do PP “non imos calar ante os constantes ataques silenciosos pero reais do Goberno de Sánchez contra a nosa provincia”, engadiu a voceira popular.

Pola súa parte, a representante sindical María Paz Saavedra reivindicou que desde ambos sindicatos "vimos denunciando o deterioro de servizo que se presta desde Correos na provincia, sobre todo, nun rural como o noso tan disperso, con moita montaña, cunha climatoloxía adversa e os traballadores pola falta de contratación e previsión non dan chegado a toda a cidadanía”

A problemática fundamental é, segundo María Paz Saavedra, “a falta de contratación de persoal” que repercute no servizo que se presta, exemplificando en que ás veces, “hai que pechar unha oficina para poder abrir outra, polo tanto, cremos que isto non é apostar polo rural”.

O concelleiro do Pereiro de Aguiar, Manuel Doval afirmou que esta é “unha mostra máis de como o Goberno de Sánchez defende o rural: retirando servizos esenciais que no caso particular deste concello, se pechan esta oficina, veranse privados deste servizo tan importante máis de 7.000 habitantes”.

Por todo elo, desde o GPP proponse instar ao Goberno de España a repoñer os postos de traballo vacantes para solucionar o problema de persoal e a cancelar o peche de oficinas e suprimir días de reparto na nosa provincia.