O Partido Popular pide axilidade ao concello para a creación da Plataforma Online do comercio local e a concesión de axudas ás familias e autónomos

28, Abril 2020

O Grupo Popular no concello do Carballiño pide axilidade ao grupo municipal de goberno para "implantar medidas urxentes para saír da crise social e económica na que estamos metidos por causa do COVID19" e mostra a súa preocupación "pola tardanza da sesión plenaria para darlle a aprobación do redactado e pactado entre PP e PSOE do PLAN DE MEDIDAS DE IMPULSO SOCIOECONOMICAS COVI19 que mobilizaría en total 2.168.480 € e cunha primeira fase xa programada de 1.518.480 € dos cales 797.520 € son de orzamento e 720.960 € son de Remanente de Tesourería, toda vez que estas partidas non se poderán usar ata pasados 15 días hábiles dende que se publique a súa aprobación no BOP, e este pode situarnos a mediados de maio, no mellor dos casos", expoñen.

Os populares entenden que "xa se debería de ir avanzando con axilidade na procura de que dada euro asignado sexa garantido no seu obxectivo, e así, fai falta ir mantendo reunións con responsables de Cáritas, Cruz Vermella, Agrupación de voluntarios de Protección civil, Anpas, Praceiros, Asociacións como CCAA ou polígono industrial e moi especialmente organizar o departamento de Servicios sociais ou administración para a tramitación das propias axudas que o Concello pon en favor dos autónomos, familias e persoas afectadas por esta crise".

E como tamén urxente debe ser -manifestan- a convocatoria da MESA LOCAL DE COMERCIO "que se pode facer por medio de calquera das plataformas online que existen nas redes sociais e nela convocar tanto ao CCA Carballiño, praceiros e Asociación de Empresarios do polígono, para tratar en concreto os temas relacionados con eles e así poder poñer en marcha entre outras a PLATAFORMA ONLINE DO COMERCIO LOCAL que terá que ser desenrolado polo CCA Carballiño, como nos sinalan desde os servizos técnicos do Concello"

E mesmo propoñen dende o Partido Popular que se valore favorablemente a incorporación a este plataforma dos demais comercios e negocios dos concellos da comarca.

"Tamén nesa mesa local de comercio se debería de presentar por parte do Concello os criterios de subvención a autónomos e familias que nesta primeira fase será de 250.000 € e ampliables a outros 650.000 € que tamén están consensuados pois forman parte do mesmo proxecto", remarcan.

Finalmente, manifestan dende o Partido Popular que continúan "ocupados en facer propostas realistas e chegar a acordos que de verdade desexamos que sexan unánimes para demostrar que sairemos todos xuntos desta, senón que tamén seguimos preocupados por ver como estas propostas consensuadas tardan en arrancar".