O Partido Popular pide á corporación que o concello do Carballliño promova a construcción dun cemiterio civil municipal

19, Xaneiro 2021

Na exposición de motivos da moción que trasladará ao pleno da corporacion municipal, o grupo popular manifesta que "é un problema cada vez máis acuciante que O Carballiño ten o seu cemiterio parroquial colmatado, sen posibilidade de construción de novos nichos ou de adquisición dos xa existentes".

Engaden que o concello ten a obriga de proporcionar este servizo público a veciñanza "pois non sempre vai ser a Igrexa a que nos quite dos problemas nesta cuestión, e por iso é preciso que a nosa vila conte, canto antes, cun cemiterio que sexa civil e de promoción municipal, e que ademais dispoña de certos servizos que non ten o actual cemiterio de Señorín, como poden ser columbarios ou espazos públicos axeitados para os visitantes", remarcan.

Entenden os populares que "o máis desexable sería que o novo cemiterio fose unha ampliación do actual cemiterio parroquial, facendo así máis sinxela a tramitación dos procedementos ante Sanidade; pero de non ser posible a adquisición de terreos anexos, deberíase promover igualmente a súa construción noutro lugar do Concello". O grupo popular reproba que fai anos "vense anunciando en notas de prensa que o concello está a facer xestiós" pero sen ningún tipo de avance neste proxecto.

"Poden ser varias as fórmulas para conseguir o obxectivo de contar cun cemiterio civil municipal, pero temos a obriga ante a nosa veciñanza de comezar canto antes as xestións precisas, pensando ademais que o noso Concello non ten terreos propios para instalar esta infraestrutura",subliñan.

O acordo que o Partido Popular propón ao pleno da corporación carballiñesa ten dous puntos: PRIMEIRO: Que se aproben unhas bases técnicas e administrativa para que, por medio de concurso, se poidan ofertar terreos ó Concello do Carballiño para a construción dun cemiterio civil municipal. SEGUNDO: Que se habilite partida económica nos orzamentos do 2021 para a tramitación e adquisición dos terreos.