O Partido Popular pide que se traballe para correxir certas carencias e mellorar a organización da Festa do Pulpo

15, Agosto 2019

Os populares consideran que "a consecución da declaración de festa de interese turístico e raíz do feito de que se organice entorno ao día grande da Festa do Pulpo unha semana forte de actividades, queda claro que contribúe a que sexa coñecida como a semana grande do Carballiño e se potencia con máis forza unha maior presenza de xente no segundo domingo de agosto".

Non obstante, o Partido Popular matiza quedébese "ter coidado con que non se perda o equilibrio necesario para manter a Festa do pulpo en niveis altos e para elo" e poñen de manifesto os seguintes aspéctos:

A Festa do Pulpo débeselle dedicar a aquel lugar ou entidade que tamén garantan alomenos unha mínima presencia e respecto institucional. Referímonos a isto, toda vez que sendo unha edición dedicada a Asturias, na presentación só tivo presenza o concello de Gijón, representado pola súa alcaldesa. E o día da nosa festa, nin sequera isto, xa que o concello de Gijón estivo representado por un só concelleiro, e nin Oviedo, nin outras poboacións e moito menos o Principado de Asturias, tiveron representación algunha, polo que se fai preciso comezar dende xa a organizar a dedicatoria do ano seguinte, para planificar con tempo estas cuestións e ir a onde sexamos ben recibidos e se entenda a nosa dedicación.

A Festa do Pulpo, debe de recuperar as súas tradicións, que sempre fixeron dela unha gran romaría, polo que se ten que recuperar o Festival folclórico no Parque, que se eliminou fai 5 anos, e que era do gusto de moita xente que nos visitaba ese día, sendo tamén un dos elementos clave da nosa actual declaración de interese turístico nacional.

Débese de ter coidado co feito de que sexa o casco urbano quen lle gañe a partida ao parque Municipal en canto a asistencia, pois cando se detecte que a Festa do Pulpo, pase a ser mais urbanita que romaría, correse o risco de que deixe de ter o empuxe que ten.
O acontecido este ano, pasando de unha a dúas as zonas de minibares, fixo que no parque sonasen máis os decibelios dos grandes equipos de música que a propia música tradicional. Débese de marcar un criterio novo de adxudicación deste espazo para disfrute dos mais novos, e por suposto que, pudendo ser, que se aproveiten os locais do pobo, sen ter que “remendar” da forma que se fixo, pois alomenos podemos dicir que foi de forma “alegal”.

Tamén no parque Municipal, se debería de recuperar a instalación do sistema de megafonía que tradicionalmente existía, para trasladar algún aviso de importancia, que tanto podería ser de emerxencia como de perda dalgunha persoa.

De igual forma, baixo ningún concepto debería de permitirse no parque a presencia de vehículos que non fose os precisos de emerxencia e seguridade, nin sequera nas pistas existentes de terra, pois teñen lugares non moi lonxe onde poder estacionar. Di pouco da festa ver como coches e furgóns circulan para recoller os seus postos de volta sobre as 17 horas polo medio da xente que aínda quere disfrutar da festa.

E por descartado, para a xornada do día grande da Festa do Pulpo, se debe de organizar o tránsito de persoas e vehículos con máis seguridade e máis operativo, facendo estacionamentos en zonas máis alonxadas e organizando un transporte público que funcione todo o día, e transformando nun sendeiro mais peonil a unión do centro da vila co Parque municipal.

Respecto do concurso de camisetas do sábado, débese de organizar mellor o desfile, pois moitos mozos dos que desfilaron din facelo sen saber moi ben o que fan, e teñen a sensación de que desfilan máis para poder ser vistos polos que están sentados nas terrazas que para divertimento propio, cando é a eles, aos que se organizan en peñas, aos que se lles debe facer pasar unhas horas agradables.

Por último, algo que piden as nosas pulpeiras e que non se debería deixar de lado, e a posibilidade de que se habiliten puntos de auga e desaugadoiros repartidos pola zona onde se colocan no Parque, para evitar facer barrizais e que quen nos visita non teña que preocuparse en exceso por ver onde pisa.

O grupo popular do Concello do Carballiño afirma que sempre estará pendente desta festa, estamos e estaremos sempre participativos e colaboradores, e deixamos as nosas recomendacións sobre diversos aspectos que consideramos se deberían de mellorar ou rectificar en posteriores edicións.