O Partido Popular pide un plan de mellora da seguridade nos pasos de peóns do casco urbano do Carballiño

24, Xaneiro 2020

O grupo municipal popular considera que "no casco urbano do Carballiño temos a práctica totalidade dos pasos de peóns en condicións que non son as óptimas. Os fallos existentes son múltiples e variables e en cada un deles se debe de mellorar en un ou varios aspectos, incluso algún debe de mellorar en todos os aspectos".

Refírense a problemas de sinalización vertical ou horizontal, iluminación, ángulo de visión para o viandante ou para o propio condutor, así como a propia accesibilidade, ou incluso a redución efectiva da velocidade dos vehículos, polo que para os poppulares "fai que resulte urxente acometer un plan de mellora destes puntos que son imprescindibles para dar seguridade e facer do Carballiño un lugar de perfecta convivencia entre a circulación de vehículos e peóns, sen ter que levar sobresaltos por accidentes facilmente evitables".

Entenden que "os pasos de peóns se debe de conseguir que exista unha luz propia que ilumine todo o traxecto do mesmo, facendo se fose necesario luminarias propias do paso de peóns. Non pode haber coches estacionados nin contedores de lixo ao carón mesmo destes pasos, pois imposibilitan a visión tanto de peóns como de condutores".

Tamén que "as beirarrúas deben de contar con sobreanchos que permitan levar a mesma ata a propia liña de circulación rodada para garantir que sexan vistos, evitando que os vehículos tamén o usen de praza de aparcamento".

Por todo elo, o Partido Popular considera que "a colocación dos propios pasos de peóns debe de ser motivo de revisión, pois é pouco entendible casos como o que coincida un paso de peóns cunha entrada de carruaxes con vado ou que nos apartemos da realidade que os propios peóns necesitan para non facer recorridos que van contra dos que resultarían razoables".

Neste Plan de mellora de seguridade que se solicita e que se espera sexa aprobado en pleno, emplazan tamén ao Goberno municipal para que se tome en serio esta proposta, "débese de ser ambicioso, protexendo ao máis indefenso nestes puntos, que é o viandante, ante un condutor ao que se lle deben de dar todas as facilidades para que tome conciencia ao chegar a estes puntos, reducindo o límite de velocidade si fixera falta",conclúen.