O Partido Popular presenta a Ricardo Perea como candidato á alcaldia "para ofrecer a O Carballiño un proxecto político fiable"

21, Xaneiro 2019

Ricardo Perea Fernández (Carballiño, 1967) encabezará a lista que o Partido Popular presentará no Concello do Carballiño para as eleccións locais de maio, co obxectivo de recuperar a alcaldía e “procurar novas oportunidades e mellores servizos para que os carballiñeses sigan a facer o seu proxecto de vida na vila e no concello”. O Partido Popular, dixo o seu presidente provincial, Manuel Baltar, saúda a incorporación do candidato á vida política local e afirma que “os populares imos darlle a O Carballiño un proxecto que ofreza xestión, que xere orgullo de pertenza e pise forte no contexto provincial”.

Abogado de profesión, Ricardo Perea hai anos que milita nas filas do Partido Popular do Carballiño, cunha activa participación na xunta local, “onde os meus compañeiros foron os que me animaron a aceptar o número uno da lista e aos que lles teño que agradecer esa confianza, comezando por Argimiro Marnotes –portavoz municipal do PP- que foi de quen partiu este proceso de renovación, un xesto que lle honra e ao que terei que responder cos votos dos veciños”.

Consciente da responsabilidade que asume, o candidato sabe que lle agarda “un gran traballo e dedicación para os carballiñeses, porque toda renovación, máis aló das caras, xera novas ilusións entre a xente, novos proxectos e novas formas de facer as cousas, aínda que os obxectivos sexan os mesmos”.

Neste sentido, Perea Fernández ten moi claro que o seu programa electoral vai ter a mesma meta pola que sempre loitou o PP do Carballiño, que non é outra que xerar as oportunidades necesarias para que os veciños sigan a vivir na vila e no concello.
O candidato aposta primeiro polo desenvolvemento económico “buscando as condicións para que se poda traballar no Carballiño dignamente, pero iso so non chega, senón que tamén a sociedade actual esixe outras cousas como a conciliación laboral e familiar con suficientes servizos para os fillos, máis oferta cultural e de deportiva para os mozos e moito máis que festa para os maiores”.

O presidente provincial, Manuel Baltar, destacou pola súa banda que o candidato é “unha persoa namorada do Carballiño e que ao seu carón terá un gran equipo e ao mellor partido, que ven de gobernar neste concello na pasada lexislatura”.

A xente, engadiu Baltar, “tivo a oportunidade de comprobar nestes catro anos o que signfica ter un partido forte que lles goberne ou outras cousas que nin sabemos o que deron de si”.

A candidatura de Ricardo e a súa lista, afirmou o presidente dos populares ourensáns, “vai ofrecer aos carballiñeses un proxecto político fiable, cun equipo compacto e onde dará cabida á participación, como unha administración esponxa que recolle as inquedanzas dos seus”.