O Partido Popular promove na Deputación unha iniciativa na que instará á Xunta e ao Goberno de España para a mellora do transporte público

18, Maio 2016

O portavoz do Partido Popular no concello do Carballiño presentou o contido dunha moción que tratará no próximo pleno a Deputación de Ourense e para a que os populares agardan o apoio unánime do resto dos grupos políticos.

A iniciativa ten por obxecto instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España á mellora, con carácter inmediato, dos servizos públicos de transporte entre O Carballiño e a capital ourensá, aínda que tamén se solicita de modo xeral a revisión da situación das outras vilas máis poboadas da provincia.

“Non podemos permitir que contando con vías de altas prestacións e estando a 15 minutos de Ourense sexan os propios servizos públicos de transporte os que nos estean a alonxar do mundo”, afirmou o voceiro do PP no Carballiño na súa intervención, na que agredeceu a sensibilidade amosada polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, “cunha vila e comarca na que residen 30.000 ourensáns”.

Marnotes puntualizou que todos os grupos políticos con representación no Concello do Carballiño, ademais de toda a veciñanza, están unidos na demanda dun mellor transporte público, unanimidade que tamén reclamou aos grupos políticos na Deputación xa que, segundo dixo, “esta moción so debe ser enriquecida, nunca rexeitada, e moito menos motivo de desunión na nosa provincia”.

O voceiro popular no Carballiño foi máis aló ao sinalar que a reunión da semana pasada entre o presidente da Deputación e os representantes políticos municipais carballiñeses “non só axudou a ver a problemática que o transporte público está a xerar no noso territorio, senón que amosou que é un problema fácilmente trasladable a outros lugares da provincia”.

Argimiro Marnotes engadiu que con esta moción dase inicio “a unha aposta firme, a prol dun transporte público provincial e de calidade”, lembrando que así figura no Plan 15-19 da Deputación, xunto con outras iniciativas como o servizo de transporte á demanda ou o metro de superficie.