O Partido Popular rexeita no parlamento unha moción do BNG contra a incineradora do Irixo porque "a ubicación non está decidida"

28, Febreiro 2012

O Deputado do PP Daniel Varela alegou que "a ubicación non está decidida" e que podería ser a inicialmente prevista pero tamén "outra dentro do Irixo, fora do Irixo ou en calquer lugar de Galicia". En consecuencia, o Partido Popular votou en contra no parlamento de Galicia dunha moción presentada polo BNG para que a Xunta rexeitase "calquera proxecto de instalación dunha planta incineradora no Irixo"

Ante a moción dos nacionalistas, o deputado popular asegurou que "non hai tomada ningunha decisión sobre a ubicación da incineradora" e que polo tanto analizaránse todas "as posibles propostas que cheguen, debe quedar meridianamente claro que a ubicación non está decidida e haberá que estudiala", aseverou.

A Deputada do BNG Tareixa Paz recriminou aos populares porque "xa vai sendo hora de que aclaren cal é a súa intención" e instou ao PP a "rexeitar a hipotéca que supón a instalación dunha incineradora na Comarca do Carballiño". Desde o PSdG, a súa Deputada Carmen Gallego congratulouse que "Baltar`s power" fixera, ao seu xuizo, "recuar" nesta decisión ao Presidente Galego Núñez Feijóo.

De forma simultánea ao debate parlamentar, arredor de medio cento de persoas -a maioria pertecentes á Plataforma Incineradora no Deza Non- protestaron no exterior do pazo do Hórreo "en contra da instalación desta planta no Irixo e en favor de modelos de tratamento de residuos que favorezan a redución, reciclaxe e reutilización". Entre as concentradas, atopábase a concelleira carballiñesa do BNG Áurea Francisco.