O plan termal da Deputación destina 60.000 euros á mellora do entorno do Bañiño de Arcos

18, Xuño 2016

Un convenio asinado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, co presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar, permitirá acondicionar o entorno da área recreativa do Bañiño de Arcos.

O importe deste convenio é de 60.000 euros, aportados integramente pola institución provincial dentro do Plan Termal da Deputación. O proxecto para a mellora deste entorno natural do manantial de auga termal de Arcos será redactado polo arquitecto municipal e contemplará diversos aspectos, entre os que se inclúe a zona de aparcamento para vehículos, o parque da carballeira e a propia fonte e o estanque, sobre todo, para evitar que se encharque, como acontece cando o río vai crecido. Para isto é preciso mellorar o sistema de desague.

A adxudicación e execución do proxecto corresponderalle á Deputación Provincial. O Bañiño de Arcos é unha das fontes termais máis concurridas do Carballiño e incluso da comarca, sobre todo, no verán pero tamén durante o resto do ano. As propiedades míneromediñais da súa auga atraen a centos de persoas que se achegan ata o lugar para encher botellas e garrafas e levalas para as casas.

Non obstante é tamén unha zona recreativa moi axeitada para descansar e un lugar de encontro da veciñanza. Por iso o proxecto que se vai executar co financiamento da Deputación axudará a facer un entorno máis acolledor. Nestes próximos días quedará completada asemade a nova sinalización do Bañino de Arcos que se realiza a través da Secretaría de Turismo.

Os paneis indicativos de dirección sinalarán o Bañiño de Arcos no cruce dos Catro Camiños, e no cruce de acceso á fonte termal, na estrada da Piteira, co obxectivo informar e indicar o acceso aos visitantes que descoñecen a existencia deste lugar ou que nunca estiveron nel. Estes novos indicativos forman parte da campaña de información turística promovida pola Xunta sobre os balnearios e as fontes termais da provincia e, concretamente, nesta zona, das comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

Así, aparecen reflexados en paneis de situación e indicativos de dirección os balnearios do Carballiño e de Partovia.

Sendeiro peonil

A deputación provincial xa financiara en 2015 a construcción dun sendeiro peonil de acceso ao Bañiño de Arcos, dende a antiga pisfifactoria ata esta fonte de auga minero-medicinal, que transcurre pola ribeira do río Arenteiro. Para esta actuación, o concello do Carballiño contara cunha aportación económica de 50.000 euros.