O pleno da corporación aproba o "escudo social municipal" para protexer a familias, comercio, hostelería, empresas e autónomos do Carballiño

12, Maio 2020

O acordo aprobado por unanimidade hoxe en pleno pola corporación estaba xa pactado polos catro grupos políticos, PSOE, PP, ESCO e BNG, polo que se van destinar ata 1.799.000 euros a subvencións e axudas a aqueles sectores máis castigados pola crise do coronavirus.

O proceso terá dúas fases, e para financiar este plan o concello aportará 869.751 euros de fondos propios do orzamento municipal, que foi aprobado con carácter definitivo nesta sesión asi como as correspondentes modificacións. A maiores, outros 929.510 euros corresponden ao remanente de tesoureiría do concello carballiñés.

O documento aprobado hoxe fixa unha dotación de 40.000 euros para a nova ordenanza de emerxencia social, que tamén foi aprobada por unanimidade, asi como 30.000 euros para axudas ás persoas máis maiores do municipio. Tamén no ámbito social destinánse 9.000 euros para Cáritas, 9.000 euros para Cruz Vermella, e 120.602 en axudas a familias e persoas en situación de vulnerabilidade social.

No apartado empresarial, recibirán axudas por importe de 360.000 autonómos e pequenas empresas. O Centro Comercial Aberto contará cunha aportación de 56.000 para poñer en marcha unha plataforma telémática de venda, a Praza de Abastos recibe 7.000 euros, e a asociación de empresarios da zona industrial do Carballiño, 12.000 euros.

Ademáis, para actividades e iniciativas de dinamización comercial resérvanse 61.000 euros e para o fomento do emprego, 80.000 euros.

Para Protección Civil, destinanse 5.000 euros, e finalmente, a cantidade máis grande será para o Servizo de Axuda de Fogar, que ascende a 906.000 euros. Precisamente neste pleno, cos votos a favor de PSOE e PP, aprobouse o prego de bases para a licitación do contrato de xestión deste servizo no concello do Carballiño, para os próximos dous anos prorrogables a outros dous.