O Poeta Luis G. Tosar, o deportista José M. Soto e o actor Ernesto Chao, reciben o galardón da Arenteira 2018

19, Outubro 2018

O vindeiro dia 30 de Novembro os premiados recibirán o galardón da Arenteira, na súa VII edición, no transcurso dun acto solemne que se celebrará no Aparthotel Arenteiro, promotor e organizador de dos galardóns que cada ano recoñecen a persoas que destacan pola súa traxectoria no ámbito do deporte, e a cultura e a ciencia.

No apartado deportivo recibe o galardón José Manuel Soto Dapena, en cultura o recoñecemento é para Luis González Tosar, mentres que A Arenteira a título póstumo lévao Ernesto Chao Pino.

O xurado tomou en consideración, no caso de D. José Manuel Soto Dapena, a súa longa traxectoria deportiva, tanto na súa faceta de deportista activo na modalidade de taekwondo, como na de mestre da mesma, formando nese labor ó longo de máis de 30 anos de actividade a numerosas xeracións de deportistas das comarcas do Carballiño e do Ribeiro. Destacar tamén a súa faceta como emprendedor e creador de iniciativas de carácter empresarial vinculadas co mundo do deporte coa fundación da Escola e Ximnasio Olimpia do Carballiño, auténtico exemplo de actividade e difusión deportiva.

O xurado valora no caso de D. Luis González Tosar, a súa recoñecida traxectoria no mundo da literatura nas facetas de poeta, produtor, ensinante, editor e narrador. A súa longa produción creativa é hoxe un referente no mundo literario galego que fíxoo merecente de numerosos premios ó longo da súa intensa e variada carreira, entre os que podemos mencionar, entre outros, o Esquío ou o Antón Losada. O seu vínculo con estas terras veuse agrandado coa creación en Madarnás da Insua dos Poetas, proxecto que trata de aglutinar nun espazo paisaxístico bucólico o mundo literario, artístico e natural e convertelo nun legado para a posteridade baseado nas fondas raiceiras da cultura identitaria galega.

Finalmente, no outorgamento do Premio Póstumo a Don Ernesto Chao Pino, falecido en agosto deste ano de 2018, valorouse a súa dilatada vida consagrada ó mundo da interpretación como nomeado e recoñecido actor tanto no teatro, onde debutou a finais da década de 1960, como no cine e televisión. No caso do teatro participou en case 40 producións ó longo da súa carreira, ocupando tamén o cargo de Director do Centro Dramático Galego e dirixindo a súa propia compañía Lagarta Lagarta, conxuntamente coa súa dona, Rosa Álvarez. No mundo do cine participou en numerosas producións cinematográficas, case 20, con directores de recoñecido prestixio. Pero foi na súa participación en series televisivas onde a súa figura pasou a ser máis popular entre a poboación, subliñando os seus papeis protagonistas en Pratos combinados ou Efectos secundarios xunto con outros en diversas series nos canais convencionais de difusión estatal -Cuéntame ou Aquí no hay quien viva. Esta intensa actividade profesional fíxoo merecente de numerosos premios ó longo da súa carreira.

Por todo elo, este Xurado entendendo e valorando os méritos que todos atesouran, considerou, deste xeito, seren merecentes deste Galardón na súa VII Edición facendo constar que, ademais, constitúen motivo de orgullo e exemplo para os cidadáns que habitamos estas terras do Carballiño e O Ribeiro.

Na foto, LUis González Tosar, distinguido no apartado de cultura.