O Polo de emprendemento do Carballiño, que xestiona a Consellería de Promoción do Emprego, atendeu a cen proxectos desde a súa creación.

29, Febreiro 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, clausurou en Castrelo de Miño unha xornada organizada desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, con sede no antigo centro comarcal do Carballino no Cornuval, con casos de éxito entre os arredor de cen proxectos atendidos neste centro. Así, tres persoas emprendedoras deron conta das súas iniciativas e da súa experiencia de asesoramento nunha Rede que conta na provincia de Ourense tamén cos Polos de Verín e do Barco de Valdeorras, á espera de que abra en breve un máis en Baños de Molgas.

Elena Rivo puxo en valor a oportunidade da xornada de hoxe de crear sinerxías e redes de colaboración entre o tecido produtivo, os emprendedores e a Administración. Fixo fincapé en que a Rede de polos presta especial atención ao rural, apoiando os proxectos en calquera das fases en que se atopen, de principio a fin, co obxectivo de seguir xerando riqueza e emprego de calidade.

Na provincia de Ourense téñense atendido case 300 proxectos dos máis de 1.350 rexistrados en toda Galicia. Deles, o Polo do Carballiño aglutina arredor dun cento, a meirande parte deles pertencentes ao sector da hostalaría, seguida das actividades profesionais, científicas e técnicas, e do comercio.

Coas case cen persoas emprendedoras apoiadas no centro carballiñés -o 54% delas mulleres- realizáronse máis de 230 titorías. Así mesmo, leváronse a cabo máis de 30 reunións e unha ducia de accións entre formacións e eventos coma o de hoxe. Neste Polo están activos ademais cinco proxectos de remuda, co gallo de garantir a súa continuidade grazas ao interese de novos emprendedores nestes negocios.

Na xornada tamén se fixo referencia aos múltiples apoios dispoñibles por parte da Xunta de Galicia, como os 6,5 millóns de euros que se poden solicitar para apoiar o emprendemento por parte de autónomos, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como de empresas de inserción e centros especiais de emprego.

Tamén hai achegas para persoas traballadoras autónomas, incluída a cota cero coa que se financia ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses. En total, téñense convocado xa 86 millóns de euros dos máis de 100 millóns previstos para 2024 en axudas ao emprendemento e ao traballo autónomo.

Por último, neste capítulo tamén cabe lembrar o acordo do Consello da Xunta de hoxe, autorizando a sinatura dun convenio de colaboración coas tres universidades públicas galegas para desenvolver actuacións a prol do emprendemento. Entre elas, a celebración de feiras de apoio ao emprego e ao emprendemento nos sete campus e a creación de premios ao emprendemento universitario en cada unha das universidades.