O portavoz do grupo municipal do PP no Carballiño contéstalle á Interventora municipal

14, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) O líder do PP do Concello de Carballiño, Argimiro Marnotes, ven de contestarlle ó comunicado feito fai uns días pola Interventora do concello, María Fé González. "O grupo municipal do PP non comprende as palabras da interventora do concello contra este grupo e, máis en concreto, contra o seu portavoz. Foi o mesmo alcalde no pleno do catro de agosto quen falou de que foi o departamento o que detectara o erro e falou sempre do servizo de tesourería", aclara Argimiro Marnotes. Dende o PP do Carballiño afírmase que nese pleno o alcalde, Carlos Montes, falou da coordinación entre os departamentos. Así mesmo, entre as confusións ocasionadas xurden máis, posto que as explicacións ofrecidas pola Interventora contradicen ás palabras do alcalde e mesmo ós informes que aparecen no expediente do pleno. Ademáis, o grupo municipal do PP non entende porque María Fé González -interventora de O Carballiño- pensa que os populares están perseguindo a algún traballador para favorecer a outros. Marnotes manifesta que o que fan e seguirán facendo é denunciar tratos a favor do equipo de goberno con algún traballador, ben sexa por incumplimento de horario, falta de rigor no traballo... Segundo o representante do PP, "Intervención é o servizo mellor pagado do concello e xa dixemos e seguiremos dicindo que non é normal que o servizo funcione igual cando está a interventora titular que cando viña o interventor sustituto unhas horas á semana. Outras prazas como o técnico en urbanismo foron eliminadas por esa razón".  Do mesmo xeito, o PP entende que isto "é unha pataleta" da interventora porque non se entende con algúns membros do departamento do concello e pídelle á interventora que cada un faga o seu traballo, porque os veciños serán os beneficiados.