O portavoz socialista na Deputación e os responsables municipais do PSdeG na comarca analizan as deficiencias da rede viaria de titularidade provincial

17, Decembro 2016

O Portavoz socialista na Deputación, Francisco José Fraga Civeira acompañado polos Portavoces da comarca e o Alcalde do Carballiño, Paco Fumega, compareceu para dar conta da reunión mantida e do traballo realizado na comarca do Carballiño.

Tal como el indicou, "tratouse dunha reunión máis, dentro da rolda de contactos que vén realizando o Grupo Provincial Socialista por toda a provincia, para coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e veciñas en cada Concello de Ourense".

Neste caso, Fraga Civeira, mantivo unha reunión cos Portavoces da Comarca do Carballiño e co Alcalde da localidade para iniciar a análise pormenorizada do estado das redes e vías de titularidade provincial,e dar traslado das necesidades á Deputación.

Trátase, como el mesmo aclarou, "dun traballo iniciado coa denuncia iniciada polos compañeiros de Boborás sobre a estrada que une este Concello co de Beariz, á que se lle deu traslado á Deputación e na que se realizou unha recollida de sinaturas moi exitosa que reflectía o descontento da xente cunhas obras que non parecen rematar nunca", subliñou.

Do mesmo xeito, os socialistas trasladáronse á ponte de Toscaña para comprobar o estado desta estrada, tamén provincial, que vai ata Astureses.

A este respecto, o Alcalde do Carballiño, Paco Fumega, declarou que "é imprescindible que se atenda o primeiro tramo desta vía, con urxencia, na zona na que hai edificacións e se trate de dotala de beirarrúas axeitadas, posto que é moi transitada por veciños e veciñas, xente que vai facer deporte ou paseantes que están a por en risco a súa seguridade persoal".

Neste senso, Fumega, cualificou de positiva a análise das necesidades de cada Concello "e que se lle poida dar traslado ó Grupo Provincial Socialista para que fagan as demandas oportunas na propia Deputación, responsable polo estado das súas estradas".

Para os socialistas é prioritario asegurar o mínimo risco para os usuarios e usuarias nunhas vías que, moitas veces, están nun estado deplorable.

Por outra banda, o Portavoz socialista, Fraga Civeira, preguntado pola situación interna do partido, indicou que no Grupo Provincial están completamente centrados en cuestións de traballo e non orgánicas: “ A nosa única preocupación é a mellora das condicións de vida da xente. agradezo especialmente o gran ambiente de traballo que temos na comarca do Carballiño, estivemos, escoitando ós portavoces e contamos coa colaboración do propio alcalde que nos brinda a oportunidade de comezar a análise destas infraestruturas, tendo como obxectivo visitar sobre o terreo todas e cada unha delas”.