O PP pide explicacións pola tala de piñeiros no castro do Mosteiro. O concello asegura que os traballos estiveron supervisados por un arqueólogo

14, Xaneiro 2019

O Partido Popular manifesta a súa preocupación polas condicións nas que se levou a cabo esta tala de árbores que deixou á vista unha parte da muralla do castro do Mosteiro, na parroquia de Lobás.

Nun escrito dirixido ao alcalde do Carballiño, os populares expoñen que unha vez comprobados os traballos, descoñecen "se os mesmos foron supervisados por Patrimonio para garantir que non se produciran danos na estructura" e tampouco se está previsto facer "un desbroce vexetal que deixe o muro completamente á vista ou non".

Tamén piden dende o Partido Popular "a implicación do concello para retomar os traballos de excavación, que comezaran nos anos 80, daquela con moitos menos medios pero con moito máis entusiasmo, para conseguir poñer en valor este xacemento arquelóxico que temos no municipio do Carballiño.

Mentres, dende o concello aclaran que "a corta de piñeiros no castro de Mosteiro levouse a cabo pola comunidade de montes con todos os permisos de Patrimonio e baixo a supervisión dun arqueólogo".

Aseguran que cortáronse os piñeiros grandes tendo coidado de non dañar a muralla exterior, pero deixáronse os piñeiros pequenos do interior do castro, porque podía verse afectada algunha estrutura da excavación.

Non obstante, manteñen dende o concello do Carballiño que Patrimonio prevé incluir nos seus plans de actuación para este ano 2019 o desbroce e limpeza integral deste castro.