O PP Provincial manifesta que o pacto abre "un camiño de progreso para O Carballiño", mentres o PSdG asegura que non autoriza o acordo e "tomará medidas".

18, Xuño 2024

Desde o Partido Popular resaltan que o pacto “nace da necesidade de conseguir que O Carballiño avance, un acordo entre os representantes municipais de dúas formacións políticas que, máis aló das súas diferenzas ideolóxicas, “toman esta decisión pensando no benestar dos habitantes da vila e do conxunto do municipio”.

Engaden que "as dúas forzas máis votadas no Carballiño expresan a súa intención de manter ata o remate do mandato un pacto polo que o actual alcalde socialista seguirá presidindo a corporación municipal, pasando a ocupar a tenencia de alcaldía un representante do PP,
e no último ano de goberno local será o Partido Popular o que ocupe a alcaldía e o PSOE a tenencia. Tamén se establece unha representación equitativa nas distintas concellerías, aínda por pechar", subraian.

Esta é a parte política dun acordo, subliñan os populares, “que non se basea unicamente nun reparto de cadeiras nin responsabilidades”. O verdadeiro obxectivo, apuntan, “é proporcionar a estabilidade necesaria para a gobernabilidade do Concello, así como conseguir os investimentos axeitados ás necesidades do municipio e para o benestar da cidadanía, co traballo, o compromiso e as doses de negociación precisas ante as administracións nas que gobernan ambos partidos”.

A Executiva do PSdeG desautoriza o pacto

O alcalde Fumega asegurou hoxe no transcurso da súa intervención nesta emisora de radio que o acordo contaba co apoio da dirección do seu partido. Non obstante, esta tarde o órgano de dirección dos socialistas galegos aseguran nun moi escueto comunicado que “A Comisión Executiva Nacional do PSdeG manifesta, a través da Secretaría de Organización e en coordinación coa Executiva Provincial de Ourense e a Executiva Federal do PSOE, que ese acordo non conta coa autorización do Partido Socialista”.

E advirte que “do mesmo xeito, informa de que, de materializarse o antedito pacto de goberno, o PSdeG tomará todas as medidas previstas nos estatutos e demais normativa do partido, con efecto sobre os concelleiros e concelleiras que desatenderan o mandato dos órganos de dirección”.