O presidente da Deputación elixe Piñor para a súa primeira visita institucional aos concellos da comarca, e coñece as últimas obras financiadas pola entidade provincial neste municipio.

8, Setembro 2023

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou esta mañá o concello de Piñor de Cea para continuar co seu percorrido polos diferentes municipios ourensáns, cumprindo co seu obxectivo de traballar pola veciñanza desde o propio territorio, para coñecer in situ as súas necesidades e abordar estratexias de colaboración institucional que dean resposta ás mesmas. Luis Menor comezou a súa visita a Piñor da man do seu alcalde, José Luis González, na Casa Consistorial, onde tivo a oportunidade de asinar no libro de honra.

Posteriormente, trasladáronse ata o parque infantil do Arenteiro onde recentemente se executaron obras de mellora e ao pobo de Casfigueiro no que se realizaron traballos de humanización, ambas actuacións financiadas ao 100 % pola institución provincial. “Piñor é para nós un modelo de concello do rural, dinámico e que traballa por fixar poboación e prestar aos seus veciños os mellores servizos”, dixo o presidente da Deputación. “O alcalde é unha persoa con acreditado coñecemento do concello e así o demostra coa súa xestión”, engadiu Menor, quen destacou a colaboración da Deputación “co obxectivo de favorecer o desenvolvemento do territorio e que permita asumir novos retos para dar resposta ás súas necesidades”.

Pola súa parte, o alcalde de Piñor afirmou que a cooperación da Deputación co seu concello “sempre foi moi importante”. De feito “sen ela os municipios do rural non poderíamos dar un bo servizo á veciñanza”, e destacou a especial sensibilidade que amosa Luis Menor coas necesidades dos pequenos concellos, grazas a súa condición tamén de alcalde. Luis Menor continuará visitando os concellos que integran a provincia de Ourense para revisar, de primeira man, os proxectos cos que colabora a Deputación, así como para coñecer as súas demandas no marco dun dos seus eixos de traballo que pasa por ter unha presenza continúa no territorio. Un labor que está a realizar conxuntamente coas reunións que mantén diariamente cos rexedores locais no Pazo Provincial.