O presidente da Xunta acude á inauguración do novo Balneario das Caldas de Partovia

7, Abril 2017

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o Goberno galego remitirá ao Parlamento unha Lei de augas termais de uso lúdico para definir, organizar e ordenar todas as capacidades do sector e poñelo en valor; unha lei, que segundo aseverou, permitirá planificar termalmente a provincia de Ourense.

Durante unha visita ás instalacións do balneario Caldas de Partovia, o titular da Xunta referiuse ao termalismo como un modelo de calidade, estable, descentralizado e desestacionalizado. “Calidades todas que nos configuran como destino único”, asegurou, lembrando que Galicia é a comunidade con máis balnearios, un negocio que move preto de 60 millóns e xera máis de 1200 empregos directos.

Feijóo insistiu no compromiso co sector, a través do Plan de turismo termal, unha estratexia que recolle as liñas fundamentais para o desenvolvemento do sector: para planificar; para facer infraestruturas termais- creación, mellora e diversificación-; para integrar produtos termais; para potenciar o coñecemento neste eido, e para promover o termalismo.

Máis polo miúdo, subliñou que nestes dous anos este plan permitiu levar a cabo actuacións como: a recuperación de balnearios abandonados ou de nova construción como o balneario de Cortegada ou a conversión da fortaleza de Monterrei en parador; e obras de rehabilitación e acondicionamento como as do mosteiro de San Clodio en Leiro, a ampliación das termas en Lobios e unha piscina termal en Laias.

“E tamén crearemos o Club do Produto Turístico da Auga de Galicia e tamén seguiremos traballando no Plan de turismo de saúde de Galicia”, abundou.