O presidente da Xunta destaca na súa visita ao concello de Piñor "o crecemento de Galicia como destino turístico logo de incrementarse en preto dun 10% o número de visitantes nos primeiros sete meses do ano"

25, Agosto 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe as boas cifras que está a acadar o turismo na comunidade, facendo especial fincapé no gran número de peregrinos que seguen chegando a Galicia a pesar de non ser Xacobeo. “Case un 10% máis de turistas este ano con respecto aos sete primeiros meses do pasado 2022, que foi Ano Santo, é moi importante, ademais de intentar que estes veñan repartidos ao longo do ano e temos que estar preparados para acollelos”, asegurou.

Así se referiu o titular do executivo galego esta mañá durante a visita, na que estivo acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ás obras do novo albergue público co que contará o municipio de Piñor. Ditas instalacións, nas que o Goberno galego investiu máis dun millón de euros, contarán con zonas comúns e de dormitorios, aseos, cociña e, de xeito novidoso, con cortes para todos aqueles camiñantes que deciden facer o Camiño a cabalo.

“Nas rutas máis novas, as que máis teñen que medrar, é necesario un primeiro empurrón desde o público e é o que facemos con este albergue”, asegurou Rueda en relación á necesidade de poñer unha infraestrutura a disposición dos peregrinos que cada vez con máis afluencia escollen a Vía da Prata e descentralizan as diferentes vías que existen para chegar a Santiago. Neste sentido, o presidente da Xunta comprometeu os esforzos do Goberno galego para seguir ofrecendo os mellores servizos a estes visitantes como, por exemplo, nos máis de 70 albergues da rede pública da Xunta de Galicia nos que “intentamos manter en perfecto estado e cunhas instalacións moi dignas para que a xente poda aloxarse e ir ofrecendo infraestruturas a medida que crece a demanda e esta, afortunadamente, está medrando”, asegurou.

O titular do executivo autonómico celebrou tamén as boas previsións que apuntan a un final de ano moi bo en termos turísticos e, especialmente, no Camiño de Santiago e reclamou unha vez máis a chegada da alta velocidade este ano a aqueles puntos de Galicia onde debería ter chegado “hai moitísimo tempo” para axudar a desestacionalizar a chegada de visitantes e conseguir que sigan vindo durante todo o ano.