O presidente do Centro do Carballiño en Buenos Aires presenta na Deputación a celebración do seu centenario

1, Agosto 2017

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao ourensán Emilio Nogueira, presidente do Centro Partido de Carballiño de Bos Aires, unha entidade que ao longo dun século se ten caracterizado polo seu apoio e defensa dos emigrantes ourensáns na capital arxentina.

Baltar e Nogueira falaron do que supón para esta entidade celebrar, como fará o vindeiro ano 2018, os cen anos de existencia, "un labor que nos honra como ourensáns e defensores dos valores de sacrificio e solidariedade que supuxo a emigración galega en todo o mundo e sinaladamente en Arxentina, país irmán que acolleu no século pasado a milleiros de ourensáns", expresou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceulle ao presidente do Centro Carballiño "o traballo que desenvolve a prol de seguir mantendo eses lazos de unión entre Ourense e Bos Aires a través da cultura, a historia e as tradicións da nosa terra, unha defensa do noso na diáspora que nos enche de orgullo e nos permite fortalecer a nosa identidade e continuar crecendo en Ourensanía, como pobo integrador e plural que somos no mundo".