O PSdeG de Leiro denuncia "a politización da Festa da Vendima coa elección do pregoeiro", que será este ano o Secretario Xeral do PP, Miguel Tellado.

13, Agosto 2025

O PSdeG-PSOE de Leiro manifesta o seu rexeitamento á decisión do alcalde e do Partido Popular local de designar como pregoeiro da XXXIV Festa da Vendima a un alto cargo estatal do PP, sen ningunha vinculación co sector vitivinícola, coa vendima nin con Leiro.

A Festa da Vendima, celebrada desde hai máis de 30 anos e declarada de interese turístico de Galicia, é unha das citas culturais e turísticas máis importantes do noso concello. Naceu co obxectivo de poñer en valor a tradición vitivinícola, a nosa cultura e a identidade local, e ao longo da súa historia foi un escaparate para amosar ao mundo o orgullo do Ribeiro e de Leiro, manifestan os socialistas

Historicamente, o PSdeG de Leiro defendeu e defende "que o pregón debía recaer en persoas cunha ligazón real ao viño, á cultura ou á historia local, como adegueiros, colleiteiros, escritores, artistas ou divulgadores. Porén, nos últimos anos consolidouse unha tendencia preocupante".

E fan unha relación dos pregoneiros dos últimos anos: 2019: Mariano Rajoy, expresidente do Goberno e referente do PP, sen relación profesional nin persoal co viño do Ribeiro. 2022: Román Rodríguez conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades 2023: José González, conselleiro de Medio Rural da Xunta, cargo político do Partido Popular. 2024: Maria José Gómez, conselleira de Medio Rural da Xunta, cargo político do Partido Popular. 2025: Miguel A. Tellado Fidalgo secretario xeral do Partido Popular Nacional.

“Non se pode utilizar un evento financiado con fondos públicos e pensado para todo o pobo, como escaparate político dun partido”, declararon os concelleiros Pedro José e Manuel, portavoz e viceportavoz do PSdeG de Leiro. “Reclamamos que se respecte o espírito orixinal da Festa da Vendima e que o pregón volva ser unha honra para quen ama e promove a nosa terra neste o Concello de Leiro .”

O PSdeG de Leiro lembra que esta festa non pertence a ningún goberno municipal nin a ningunha sigla política, senón a todo o pobo. Por iso, comprometémonos a seguir defendendo que a Festa da Vendima permaneza libre de manipulación política e continúe sendo un espazo de encontro, orgullo e promoción da nosa cultura e do noso viño.