O PSdeG de Leiro propón iniciativas para facilitar o desbroce de fincas e o control da biomasa "ante a chegada masiva de notificacións á veciñanza para que limpen as súas propiedades"

9, Maio 2024

O PSdeG-PSOE de Leiro propón unha batería de iniciativas para facilitar o desbroce de fincas e o control da biomasa ante a “masiva” chegada de notificacións á veciñanza para a limpeza das súas propiedades. As e os socialistas amosan o seu “malestar” debido a “falla” de previsión e aviso nas notificacións para a limpeza de fincas, xa que tal e como alegan “chegaron con moi pouco marxe para que a veciñanza poida proceder a adecualas en tempo e forma”.

Dende o grupo municipal socialista lembran que o 28 de outubro de 2019 o pleno da corporación municipal aprobaba, co voto favorable do PSOE, o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, que establecía as parcelas afectadas. Xa con anterioridade, o concello solicitara a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga para a prevención e defensa contra incendios forestais. Tal e como explican os concelleiros socialistas “o tempo transcorreu, pero o concello non foi quen de desenvolver nin unha soa medida eficaz para informar á veciñanza da situación, nin facilitar o cumprimento da lei, tendo que pasar as elección para que se procedese o envío de cartas aos e ás afectadas”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, afirma que nestes momentos estase a producir unha chegada masiva de cartas aos afectados e tal e como indica “non especifica que deben facer, polo que acoden masivamente ás dependencias municipais á procura de información ou solucións dunha situación que tiña que estar prevista”. Neste senso, o edil socialistas aféalle ao goberno municipal do Partido Popular que “deixase pasar o tempo sen actuar, esperando a que os propios veciños se denunciaran entre si para tomar cartas no asunto”. “Como resultado da falla de iniciativas municipais atopámonos con camiños intransitables e áreas públicas e privadas cubertas de matogueira, incluso nas zonas urbanas”, apunta Rodríguez Vázquez.

O voceiro socialista subliña que a situación provoca que a veciñanza “non poida acceder ás fincas, posto que as vías de acceso atópanse sen limpar” e esgrime que “é imposible que poida facerse todo este traballo en 15 días”. Propostas do PSdeG-PSOE de Leiro Ante esta situación, o PSdeG-PSOE de Leiro vén de presentar unha batería de iniciativas para buscar solución ante esta “desfeita”. Entre elas destaca a creación dunha brigada permanente, que traballe todo o ano desenvolvendo tarefas preventivas de desbroce e limpeza de montes e camiños públicos”.

Outras das propostas son:

•Actuar cun orde, coa debida planificación e informando aos afectados co tempo suficiente, facilitando os medios para que se cumpra a lei e pedindo subvencións as administracións competentes en lugar de perdelas.

•O concello debe encargarse da limpeza dos camiños, a través da creación da brigada permanente e aproveitando os convenios anteriormente citados, co fin de mantelos transitables para facilitar o acceso ás fincas.

•Recorrer ao Servizo Agrario Galego, órgano creado polo bipartito, que inicialmente prestaba estes servizos de balde, para ofrecer aos particulares uns prezos asumibles.

•Promover a concentracións de terras, así como a permuta das mesmas, que está dando resultados noutros lugares, fomentando a recuperación de terras para cultivo.

•Aproveitar os recursos propios do concello.