O PSdeG denuncia a carencia de medios para apagar os incedios de Reádegos e Corneda

30, Xuño 2015

O partido socialista de O Irixo, denuncia "as graves carencias de medios que sofre o concello e que se puxeron de manifesto no día de onte onde os propios veciños e veciñas de O Irixo tiveron,  en algúns casos, que apagar o lume que chegaba as súas casas poñendo en risco incluso as súas vidas. En pobos como Souteliño, Matelo ou Vilame na parroquia de Corneda, ou en parroquias como a de Readegos, onde o lume aínda segue activo nestes intres, chegou a carón das casas e foron os propios veciños, cos seus propios medios, os que tiveron que evitar que o lume alcanzase as súas casas", subliñan.

O certo e que a día de hoxe - remarca o PSdeG- está sen publicar a “Convocatoria de selección de persoal laboral temporal para brigada de prevención y extinción de incendios 2015”, convocatoria que depende dunha subvención da Xunta e que debería convocarse antes da chegada do verán; é moi grave que metidos de cheo no verán os concellos, e en concreto o de O Irixo, estea sen brigada e os seus veciños e veciñas desprotexidos desta maneira.

Relatan os socialistas como "O Irixo, cunha extensión de 121 km2, un dos máis extensos da provincia de Ourense, e con máis dun millón de euros de presuposto non inviste nin ten medios de extinción propios, cercanos e inmediatos que protexan os pobos, a vida das persoas e as súas casas. É lamentable que se gasten máis de 30 mil euros en material non inventariable de oficina e máis de 200 mil en arranxar tellados de capelas, pero non se invista un euro en garantir a seguridade dos pobos, dos veciños e veciñas de O Irixo, e as súas vivendas".

Os socialistas propoñen  ó Concello e o seu alcalde (que cando volte das vacacións) se poña a traballar de verdade polos veciños e veciñas do Irixo e invista no verdadeiramente importante, as persoas, polo que presentaremos un moción na que propoñemos as seguintes medidas urxentes:

1º. Establecer un perímetro de seguridade en tódolos pobos do concello onde a maquinaria do concello (tractor, desbrozadora e pala mixta) deben, antes do comezo do verán e durante o mesmo, manter limpo dito perímetro.

2º. O Irixo, dado a súa extensión e as súas características, debe dotarse dunha motobomba de extinción de incendios con base no propio concello para o seu manexo dende xuño a setembro.

3º. O concello debe ter operativa unha brigada de prevención y extinción de incendios dende o inicio do verán, ou incluso antes se as temperaturas son elevadas, e non estar esperando as subvencións da Xunta que chegan tódolos anos tarde.

4º. Instalar en cada pobo bocas de incendios conectadas ós depósitos de auga, dotando os veciños e veciñas dos pobos de mangueiras ó efecto para que poidan usalas en caso de necesidade, como xa ten algún pobo como Marnotes, na parroquia de Campo, costeadas polos seus propios veciños e veciñas.

5º. Deben limparse e recuperarse os tanques e pantanos de regadío de tódalas parroquias para a extinción de incendios, como o pantano do ferrocarril no monte de San Cosme hoxe en día totalmente abandonado.