O PSdeG insta ao concello de Leiro a ampliar as prazas do campamento de verán para atender a demanda actúal en materia de conciliación

3, Xullo 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro defenderá unha moción no vindeiro pleno municipal no que insta ao goberno municipal do Partido Popular a “mellorar” a oferta de prazas no campamento de verán que se celebrará entre o 3 de xullo e o 8 de setembro. Os e as socialistas consideran que 20 “son moi poucas prazas para a demanda actual de cativos e cativas que hai no municipio”, polo que solicitan que se estableza un número “ilimitado” nas prazas ofertadas.

Dende o grupo municipal socialista consideran que “ningún cativo e cativa de Leiro debería quedar fora do campamento de verán” e ante esta situación animan ao goberno municipal “a aumentar o número de monitores, se é necesario, para poder atender a demanda e non discriminar a ningunha familia”. Os concelleiros socialistas salientan que este campamento “está pensado para favorecer a conciliación familiar nos meses de verán, polo que pedimos que non se limite a 20 prazas, senón que se acolla a todos os cativos e cativas que queiran participar en dita actividade”.

O concelleiro do PSdeG-PSOE, Manuel Rodríguez Vázquez, explica que esta moción “vén motivada polo límite de prazas do campamento de verán e tamén porque con ela pretendemos que todos e todas as crianzas de Leiro poidan ter acceso a estas actividades lúdicas e educativas que permitirán o seu desenvolvemento e mellorar a conciliación das súas familias”. O edil socialista considera “moi positiva” esta actividade, polo que subliña que “temos que abrila ao maior número de familias posibles”.

Rodríguez Vázquez avoga porque dende o concello “se dean todas as facilidades posibles ás familias de Leiro e se aumenten os recursos, se fose necesario, para contratar máis monitores, e deste xeito dar un mellor servizo do campamento de verán”.

O PSdeG-PSOE de Leiro destaca tamén que este tipo de actividades no verán “son moi positivas para o noso municipio”, motivo polo que esixen que “se realicen nas mellores condiciones posibles, cos máximos recursos e que permitan dar resposta a toda a demanda existente no municipio”.