O PSdeG-PSOE de Leiro afirma que "a aprobación da RPT do concello deixa en evidencia a falla de transparencia neste concello" e anuncian alegacións contra a mesma.

28, Decembro 2022

O PSdeG-PSOE de Leiro considera que a aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do concello, sacada adiante polo Partido Popular no último pleno municipal, deixa “en evidencia”, unha vez máis, a “falla total” de transparencia por parte do goberno municipal encabezado polo alcalde, Francisco José Fernández.

Os e as socialistas “desconfían” desta decisión do PP, tras revisar a documentación, e anuncian que presentarán alegacións á mesma co obxectivo de que Leiro teña o “mellor” instrumento público de ordenación dos postos de traballo do concello. Dende o Grupo Municipal Socialista de Leiro explican que a súa abstención na sesión plenaria debeuse as “grandes dúbidas” que xera o documento, xa que tal e como sinalan “o único sindicato que figura na mesa xeral de negociación, o CSIF, abstívose nas tres reunións celebradas o 14 de xullo, o 2 de agosto e o 30 de novembro”. Os e as socialistas fan fincapé en que nas tres ocasións “manifestaron a necesidade de falar co persoal antes de chegar a un acordo”.

Outro dos motivos da abstención do PSdeG-PSOE de Leiro foi que segundo relatan “a documentación chegou sen o tempo suficiente para analizar todos os aspectos técnicos” e apuntan a que “requírense tempo para valorar axeitadamente un tema de tal calado como é unha RPT”. Os e as socialistas consideran que a RPT “é unha ferramenta fundamental que debe usar a administración local para ordenar o persoal ao seu servizo, cun obxectivo claro, ofrecer un servizo público de calidade e xestionar de forma óptima aos empregados públicos do concello de Leiro”.

Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, manifesta que durante o pleno “solicitámoslle ao alcalde que un tema tan importante como a RPT, debía ser analizado con detemento e, polo tanto, pedímoslle que fose tratado no pleno de febreiro, para deste xeito analizar todo con suma minuciosidade”. Tal e como apunta o edil socialista “o rexedor rexeitou a nosa proposta, o que da a entender que quere aprobar a RPT pola porta de atrás e sen ter en conta aos sindicatos, ao persoal e o resto de grupos políticos que forman parte da corporación municipal”.

Rodríguez Vázquez afirma que, ante a negativa do rexedor a analizar con máis tempo a Relación de Postos de Traballo do concello de Leiro, “vémonos na obriga de ter que presentar alegacións en canto se abra o período, e unha vez ben revisada e estudiada toda a documentación sobre a RPT”. O voceiro socialista laiase que a negativa do alcalde a pospoñer a cuestión “provocará que, tralas alegacións, o proceso retrásese” e acusa a Francisco José Fernández de “actuar cunha falta total de transparencia, algo que xa é habitual nel”.