O PSdeG-PSOE de Leiro critica "a pinza de PP e BNG por discriminar á rapazada de primaria, ESO, bacharelato e FP, ao negarlle axudas para material escolar"

30, Outubro 2024

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a “pinza” política do PP e o BNG para discriminar aos mozos e mozas que estudan en primaria, secundaria, bacharelato e FP do concello e aos que lles negan axudas para material escolar. As e os socialistas critican a “falla de miras” de ambas formacións políticas, que votaron en contra de dúas emendas do PSOE para ampliar as axudas a estes niveis formativos e para que se preparase unha modificación de crédito, facendo uso do remanente, de tal forma que estas axudas fosen efectivas neste curso escolar.

Dende o grupo municipal socialista en Leiro sinalan que as emendas socialistas buscaban completar unha moción presentada polo BNG e na que solicitaban que nos orzamentos de 2025 se contemplase unha partida de axudas paras as crianzas de entre 3 e 5 anos do CEIP Emilia Pardo Bazán. As e os socialistas consideran que ditas axudas “son insuficientes” e reclaman que “se amplíen as axudas aos estudantes de primaria, secundaria, bacharelato e FP do municipio, así como que non se agarde a 2025 para habilitar dita partida”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, afirma que este “bloqueo sistemático” do PP e o BNG deixa en evidencia “unha clara discriminación por parte de estas formacións políticas ao resto de rapaces e rapazas doutras idades, xa que na moción orixinal só se contemplarían axudas a 7 crianzas do concello, excluíndo ao resto”. Neste senso, o edil socialista pon de manifesto que “apoiamos iniciativas que supoñan unha mellora na escolarización do municipio, pero sen discriminación”.

Rodríguez Vázquez considera que “nun tema tan delicado como as axudas para material escolar, non podemos discriminar a ninguén” e sinala que “os dous concelleiros socialistas decidimos absternos ante un atropelo como o perpetrado por BNG e PP, xa que consideramos que se está discriminando de forma absoluta e total ao resto de rapaces e rapazas con idades por riba dos 5 anos”.

Por último, o PSdeG-PSOE de Leiro pídelle ao PP e BNG “altura de miras políticas” e lémbralle ao alcalde, Francisco José Fernández, que “municipios da mesma corda política como Boborás, amplía estas axudas municipais a tódalas idades, sendo dunha maior contía, cando o grao de estudos ou escolarización é maior”.