O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia "graves irregularidades" no censo electoral, aseguran que tres traballadoras municipais están censadas na propia casa do concello

6, Xuño 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia “graves” irregularidades no censo municipal, constatadas durante a xornada electoral do pasado 28 de maio e na que os e as socialistas puideron constatar que ata tres traballadoras municipais se atopan censadas na casa consistorial do municipio. Consideran que esta forma de actuar “desvirtúa o censo municipal” e afirman que se trata dunha práctica “tramposa e caciquil, impropia dun sistema democrático”.

Dende a agrupación socialista de Leiro poñen o foco no alcalde do municipio e senador do PP, Francisco José Fernández, ao que acusan de estar detrás desta actuación. Os e as socialistas subliñan que “é inadmisible que se empadroe a persoas na casa consistorial” e salientan que valoran tomar as medidas legais “oportunas” para por esta circunstancia en mans das autoridades competentes para que tomen “cartas no asunto”.

O candidato á alcaldía de Leiro polo PSdeG-PSOE, Pedro José González, explica que o domingo 28 de maio, coincidindo coas eleccións municipais, “levantei 3 actas cando estas persoas acudiron a votar, xa que unha vez comprobado o censo, tivemos constancia de que o seu lugar de empadroamento era a casa consistorial”. O futuro voceiro socialista na corporación municipal tamén apunta a que “tras levantar estas actas, o alcalde dirixiuse a min dicíndome que non tiña potestade para levantar actas e tentou impedir que désemos conta deste xeito actuar”.

Pedro José González afirma que con este xeito de actuar “demóstrase que o alcalde é un tramposo e que non acepta as regras da democracia, cando ten que recorrer a empadroamentos irregulares nun edificio público e propiedade de todos os veciños e veciñas de Leiro”. O candidato socialista á alcaldía tamén se pregunta “como estas tres persoas accederon a este empadroamento irregular, cando saben perfectamente como funciona a lei, pois en dous dos tres casos, son as persoas encargadas de realizar os padróns municipais e de preparar a documentación ás persoas que deciden empadroarse en Leiro”.

O PSdeG-PSOE de Leiro xa puxo en coñecemento da xunta electoral esta situación, a través das actas levantadas durante a celebración das eleccións e valora tomar as medidas “oportunas” para que esta situación non se volva producir o vindeiro 23 de xullo, cando se celebran as eleccións xerais.