O PSdeG-PSOE presenta as súas candidaturas na comarca do Carballiño "co obxetivo de aumentar as alcaldías e sumar máis votos para rematar co baltarismo"

21, Abril 2023

O PSdeG-PSOE vén de presentar as súas candidaturas na comarca do Carballiño, nun gran acto que contou coa presencia dos candidatos e candidatas da comarca, que estiveron arroupados polo secretario provincial, Rafa Villarino; pola deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega; e por outros cargos institucionais socialistas, así como por ducias de militantes da comarca.

Os e as socialistas deron o pistoletazo de saída da precampaña electoral na bisbarra cun acto celebrado no Carballiño, no que coinciden en destacar a necesidade da “política útil” do PSdeG-PSOE para mellorar a vida da veciñanza nunha comarca que precisa revitalizar numerosos municipios tras anos de “abandono e maltrato” por parte do Partido Popular. Dende o PSOE ourensán márcanse como obxectivo aumentar o número de alcaldías na bisbarra e mellorar os resultados electorais, recadando un maior número de apoios ás candidaturas socialistas, que axude tamén a “mudar o goberno provincial”.

O PSdeG-PSOE de Ourense presenta deste xeito aos que serán os seus candidatos e candidatas na comarca. Os actuais alcaldes do Carballiño, Paco Fumega, e de Maside, José Manuel Iglesias Araujo, repiten como candidatos, ao igual que o actual voceiro no Irixo, Iago Fariñas Valiña, e a voceira en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez. Os e as socialistas estrean novas candidaturas en varios concellos como Boborás, no que encabezará a lista María Luisa Lorenzo; en San Amaro, María Jesús Fernández asume o reto de acadar a alcaldía; e en Piñor, onde a candidata será Almudena Fernández. Teñen tamén pechada a candidatura de San Cristovo de Cea, que darán a coñecer en próximos días.

Dende o PSdeG-PSOE ourensán sinalan que as mulleres socialistas “cobran un especial protagonismo nesta comarca”, na que haberá 4 candidatas en 4 dos 8 concellos da bisbarra. Neste senso subliñan que a súa aposta “é aumentar o número de rexedoras nos vindeiros comicios electorais e para elo presentamos máis candidatas, que chegan a estas eleccións moi preparadas e coa forza e as ganas de darlle futuro e esperanza aos seus concellos, a bisbarra e a nosa provincia”.

“O poder municipal socialista representa o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa e que xa vemos en concellos como O Carballiño ou Maside, exemplos do bo facer que debe estenderse ao resto de municipios da bisbarra”, afirman dende o PSdeG-PSOE, a vez que tamén apuntan que “é por iso que en maio temos a oportunidade de facer cambiar a realidade nesta provincia que está en mans dun baltarismo rancio, clientelar e caciquil”.

Aseguran que as cifras indican que o socialismo “vai camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense, co impulso de candidaturas sólidas, fortes e gañadoras coma as que encabezan os alcaldes, alcaldesas e candidatos e candidatas da comarca do Carballiño”. Por último, dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que “da nosa man hai futuro para Ourense, e hai futuro para esta bisbarra e os seus concellos”.