O PSdG afirma que " O Carballiño presenta un estado lamentable na semana de maior afluencia de visitantes"

5, Agosto 2014

O PSdeG critica "o lamentable estado que presenta O Carballiño na semana de maior afluencia de visitantes á vila, con motivo da Festa do Pulpo. Denuncian que os visitantes atopan unha vila máis descoidada, con rúas cheas de fochancas e colectores sucios que desprenden malos olores".

Inciden na falla de limpeza dos colectores de lixo, que non só presenta un problema de imaxe senón que desprenden malos cheiros que se incrementan co calor.

Lembran que no seu día o Concello asinou un convenio coa Deputación e garantiu o cambio dos colectores por outros novos e a súa limpeza de xeito regular. “Unha mentira máis de Marnotes, porque como pode comprobar calquera cidadán, os colectores están deteriorados e hai moito tempo que non se limpan, de aí o problema de malos cheiros”.

“O goberno do PP demostra unha vez máis o pouco que lle importa O Carballiño, xa que non é capaz de preocuparse pola súa imaxae na época que máis visitas recibe”, engaden.

Sinalan que “de pouco vale organizar unha semana de actividades festivas se os visitantes atopan a vila nun estado lamentable” e reclaman a Marnotes “que se preocupe pola imaxe do Carballiño, que cada vez é peor”.

Os socialistas apuntan que os carballiñeses que se atopan no exterior e que nestes días retornan á vila “están asombrados do deterioro que está a sufrir o Carballiño, e comentan que cada vez está máis descoidado”.

A isto engádese que "as rúas están intransitables e non hai sitio para estacionar os coches, debido a que Marnotes suprimiu boa parte dos aparcamentos cos que contaba a vila".

Por elo, o PSdeG pregúntase "de que vale tanta subida de taxas municipais se logo nin os cidadáns teñen mellores servizos nin os visitantes perciben unha mellora na imaxe do Carballiño".

Esixen a Marnotes “que se deixe de mentiras e de botar balóns fóra, que arranxe e limpe as rúas e que faga o que prometeu co convenio asinado coa Deputación e limpe os colectores, porque unha vila que no verán recibe tantos turistas non pode permitirse un aspecto como o que está a ofrecer”.