O PSdG carga contra a política laboral no concello do Carballiño

20, Maio 2014

O PSdeG denunciou hoxe as prácticas “caciquís e clientelares” do Goberno municipal do PP, ao convocar unha praza a medida para educadora de servizos sociais. Un feito que enmarcan na “desastrosa e pouco transparente política de contratacións que está a realizar o goberno de Marnotes”, que está a converter o Concello “nunha sorte de Deputación de Ourense, onde só traballan os familiares e amigos do PP”.

 No caso da praza de educadora de servizos sociais, os concelleiros Adolfo Nogueira e Iolanda Otero afirmaron que se pedían “especificidades sospeitosas, que non son necesarias para este posto, como o título de educación física, entre outros”.

 Ante a evidencia de que os requisitos da convocatoria estaban feitos para esa persoa en concreto, o 15 de abril, semanas antes de coñecerse o resultado do concurso, os socialistas rexistraron ante notario un documento no que deixaban constancia de a quen se lle ía adxudicar a praza, con nome e apelidos.

 “Trátase dunha certificación ante notario a xeito testimonial, simplemente para que quede constancia de que, á vista dos requisitos da convocatoria, era evidente que a praza estaba feita a medida”, explicou o concelleiro.

 Sinalou que esta persoa xa traballou para o Concello contratada pola Deputación provincial, e que a petición de títulos que non son necesarios para desenvolver este traballo é un xeito de colocala nese posto. “Isto cuestiona os principios de igualdade, mérito e capacidade que ten que ter todo concurso público” e fixo que moitas persoas xa nin se presentaran, apuntou Nogueira.

Non é a primeira vez que os socialistas denuncian a falla de transparencia nas contratacións municipais, xa que algo similar aconteceu coa praza de auxiliar da Biblioteca Municipal “onde houbo unha serie de irregularidades, dando puntos a quen non lle  correspondía e que tivo que ser denunciado polas aspirantes ao posto, e para que ao final a praza fose para unha persoa que ía nas listas do PP en Castro Caldelas”.

“Sen cuestionar a capacidade laboral destas persoas, é moi sospeitoso que en todos os procesos os que quedan coa praza teñan relación co PP”, sinalaron. Denunciron ademais que a oposición non só non participa en ningún tribunal de contratación, senón que non conta tampouco con documentación sobre o mesmo “como aconteceu co obradoiro de emprego, onde o Concello non nos facilitou nin un só documento do proceso, e que teremos que acabar pedindo no xulgado”.

“O Goberno de Marnotes leva a cabo unha política laboral desastrosa, que só vale para darlle traballo aos afíns ou para deixar tirados a traballadores mentres se lle prometen cousas que non se cumpren”, afirmaron. Puxeron como exemplo os traballadores do matadoiro “que seguen á espera de que tras os anuncios rimbombantes haxa algunha solución real para a súa situación”.

Lembraron tamén o caso de Protección Civil, xa que “a pesar das promesas do alcalde, a maior parte das contratacións feitas corresponden ao goberno socialista, mentres que O Carballiño segue a agardar polo parque de bombeiros que non se sabe cando estará en marcha e polo tanto cun servizo de seguridade que é insuficiente en caso dunha emerxencia”.

O mesmo coa Residencia do Tempo Libre, que soamente abriu uns meses para albergar ao equipo de rodaxe de A Esmorga, ou a Residencia do Cornuval, que ía xerar 80 postos de traballo e que segue pechada despois de investir máis de 5 millóns de euros nas instalacións.

A concelleira Iolanda Otero tamén resaltou que “a política laboral do Concello cambia moito cando se trata de traballadoras como as de axuda no fogar que cando se trata de reubicar a traballadores da deputación”.

Apuntou que “non se pode privatizar un servizo e deixar ás traballadoras en mans da empresa privadas” e acusou a Marnotes de “desentenderse da protección dos dereitos sociais e laborais das traballadoras”.