O PSdG considera "propaganda electoral" a urxencia do PP para abrir a residencia de maiores

23, Xullo 2014

O Grupo Municipal do PSdeG cuestionou a moción aprobada polo PP no derradeiro pleno para pedir, con carácter de urxencia, a reapertura da residencia do Cornuval, tendo en conta que esta mesma petición xa a fixeron os socialistas hai dous anos e Marnotes e o seu goberno amosaron un pasotismo absoluto ao respecto.

Pregúntanse “por qué hai dous anos, cando pedimos ao Concello que instase á Xunta a súa reapertura tras as obras de ampliación, non nos fixeron nin caso e agora queren facelo de xeito urxente e poñendo ao Goberno galego a data límite do 31 de decembro para abrir as instalacións”.

Consideran que “isto non é máis que un tento vergoñento de propaganda electoral de Marnotes, que seguramente sabe que a Xunta ten previsto algún proxecto e tenta anotarse o tanto, porque xa sabemos que as súas peticións ante o Goberno galego caen sempre en saco roto xa que non lle fan nin caso”.

“É patético que Marnotes leve tres anos demostrando día tras día o seu pasotismo e ineficacia coas cuestións que máis importan aos cidadáns, e veña agora a tentar poñerse medallas porque se achegan as eleccións”, sinalan.

Por elo, reclaman ao alcalde que “xa que lle entrou a ansia de traballar e facer todo o que non fixo antes, tamén pode instar á Xunta a abrir o parque de bombeiros, ou dotar ao Carballiño de efectivos de protección civil, xa que agora mesmo estamos desprotexidos ante unha emerxencia”.

Entre a lista de “deberes pendientes” tamén están cambiar a ubicación do Centro de Saúde, a reapertura do matadoiro, a dotación dun local de ensaio para grupos locais ou construír a estación intermodal.

Os socialistas instan a Marnotes a poñer tamén como data límite o 31 de decembro para cumprir estes compromisos que el mesmo fixo cando se presentou á alcaldía,  “e se non é capaz de facelo, que recoñeza a súa ineptitude como alcalde do Carballiño e se marche para a casa”.

“Marnotes pasará á historia como o alcalde que menos fixo polo Carballiño, que nunca estivo tan abandonado como agora; o que máis subiu os  impostos, o que máis compromisos electorais incumpriu e o que só foi quen de promocionar a nosa vila visitando os xulgados”, conclúen.