O PSdG critica "a falla de iniciativas do concello para fomentar o turismo e o abandono do camping e o parque etnográfico"

3, Xuño 2014

Afirman que en "Semana Santa o Concello non programou ningunha actividade ou oferta de cara ao turismo de feito a presencia de autocaravanas no camping foi practicamente nula".

"O mesmo aconteceu coa Oficina de Turismo da Alameda, que nin sequera abriu durante eses días, o que fixo que os escasos visitantes cos que contou a vila chegaran incluso a queixarse na Policía Local pola falla de información", subliñan..

Coa chegada do bo tempo, novamente preséntase unha tempada favorable para o turismo, pero a día 1 de xuño (o pasado domingo) as instalacións e a recepción do camping permanecían pechadas.

Apuntan que a tempada turística vai de maio a setembro, polo que estas instalacións deberían estar en perfectas condicións e abertas ao público dende hai un mes. “Moito nos tememos que as instalacións non se atopen en perfecto estado para o seu uso, e por iso se manteñan pechadas”, afirma o PSdeG.

“O Camping e o Museo Etnográfico poderían ser un gran motor económico do Carballiño, sempre e cando se promocionen axeitadamente”, engaden.

Poñen como exemplo o Concello de Ribadavia, que ven de desenvolver un programa de colaboración cos hoteis de Vigo, mediante uns convenios innovadores, para atraer o turismo á vila.

“Iso chámase traballar, non só figurar”, lembran os socialistas, en alusión ao grupo de goberno do Carballiño “que nos tres anos que leva no Concello non só non foi capaz de presentar unha soa iniciativa para atraer visitantes á vila, senón que nin coida nin potencia os recursos que xa temos. Só pasan por esta zona para ir xantar, o resto pouco lles interesa, e menos á concelleira de turismo, que en tres anos non debeu pasar por alí nin tres veces”.

Mancomunidade Turística

“Non sabemos si é por incapacidade, vagancia ou desleixo, pero o certo é que nestes tres anos Marnotes e o seu equipo non demostraron ningún interese por promocionar ao Carballiño como destino turístico”, afirma o PSdeG.

Por elo, propoñen que a Mancomunidade Turística Terras do Avia, composta polos concellos de Leiro, Boborás, O Carballiño e Ribadavia, organice programas conxuntos de actividades e ofertas turísticas para atraer visitantes.

“Esta sería unha solución para tentar reactivar o turismo, e por tanto a economía, nestes concellos, o que acompañado do coidado axeitado e da promoción das instalacións e patrimonio que temos, pode ser unha boa medida para espertar o interese dos visitantes”.

Agardan que “a Mancomunidade Turística consiga suplir a nula capacidade do actual grupo de goberno para poñer en marcha calquera actividade”.