O PSdG critica o retraso na apertura da segunda Galiña Azul no Carballiño

9, Setembro 2014

"A piques de iniciarse o novo curso escolar, moitas familias carballiñesas quedarán un ano máis sen praza na escola infantil debido á incapacidade do goberno municipal para levar adiante o proxecto da segunda Galiña Azul", remarcan dende o PSG.

Tamén consideran que a "inutilidade de Marnotes e o seu goberno provocou continuos retrasos neste proxecto, que foi anunciado hai máis dun ano e que a día de hoxe aínda non ten data de inicio. Así, mentres máis de 40 familias agardan por unha praza na rede de escolas infantís, Marnotes só lles ofrece cambios de ubicación e retrasos en lugar de solucións"

O grupo municipal socialista apunta a "enfrontamentos co Consello Escolar do Campo da Feira, e de manter a súa teima de ubicar a escola infantil nestas instalacións, o pasado mes de xuño Marnotes anunciou un cambio no proxecto, que pasaría a ubicarse na Uceira, seguramente por decisión da Xunta. Este cambio de situación provocou un novo retraso no proxecto, e supuxo unha mostra máis do caso omiso que lle fai a Xunta ao alcalde do Carballiño e da súa incapacidade e inutilidade para gobernar".

Finalmente, critican os socialistas que "o máis grave e que as familias do Carballiño afrontan un novo curso sen prazas nas escolas infantís públicas debido a que o goberno do PP está máis preocupado por resolver outros asuntos que por cubrir as necesidades dos cidadáns. Unha vila como O Carballiño debería ofrecer un nivel óptimo de calidade de vida aos seus cidadáns, e iso pasa por facilitar a conciliación da vida familiar e laboral".