O PSdG culpa ao Alcalde de Leiro e á Xunta da situación que afecta ao balneario de Berán

22, Febreiro 2012

A deputada e secretaria de Organización Provincial, María Quintas, compareceu co portavoz socialista no Concello de Leiro, Manuel Rodríguez, e o vocal na Entidade Menor de Berán, Tomás Lorenzo, para esixir á Xunta de Galicia solucións para o balneario de Berán.  As instalacións están pechadas pese a estar rematadas dende hai anos, ademáis os socialistas falan de presunta prevaricación do alcalde na expropiación dos terreos do acceso ao balneario.

Quintas explicou  que o balneario de Berán constitúe unha oportunidade socio-económica e de emprego para a comarca do Ribeiro e da provincia de Ourense, e que hai que facer rendible unha infraestrutura xa construída na que se fixo unha inversión pública de máis de 3 millóns de euros.

 “Preguntámonos se a Xunta e o alcalde de Leiro serán capaces de buscar unha solución”, dixo, e denunciou que no procedemento do balneario hai actuacións que poden ser constitutivas dun presunto delicto de prevaricación por parte do alcalde de Leiro.

En dúas ocasións o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declara nulas, en sendas sentenzas firmes, as expropiacións dos terreos de acceso a este balneario feitas polo Concello. A primeira destas sentenzas foi obviada polo alcalde que levou ao pleno unha nova expropiación, o que constitúe un presunto delicto de prevaricación, afirman os socialistas.

Neste sentido, dixo que estas actuacións contan co coñecemento e connivencia da Xunta, xa que ao mesmo tempo (o 20 de outubro de 2009) concedeu o obradoiro de emprego “Terras do Avia” neste mesmo terreo, no que dada a sentenza do TSXG non se podía facer.

 Así, o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha batería de preguntas sobre a situación do balneario, as trabas administrativas que impiden que este balneario estea aberto e cales van a ser as actuacións da Xunta para legalizar e abrir o balneario de Berán.

Quintas lembrou que o propio Rueda respostou a Baltar no Parlamento en xuño de 2009 que “estaban a punto de abrir” o balneario de Berán e que “non se fixera por uns trámites administrativos, tentando culpar da situación ao goberno  bipartito”.

 O vocal na Entidade Menor, Tomás Lorenzo, explicou en que “a parroquia de Berán, os veciños de Leiro, da comarca de Ribadavia e da provincia antes tiñan unhas instalacións que mantiñan a ocupación hostaleira da zona durante o verán, e agora non teñen ningunhas, porque o novo balneario, que sería unha oportunidade de negocio durante todo o ano, nunca se abriu”.

Os socialistas consideran que o balneario de Berán dinamizaría o sector servizos do concello e da comarca e contribuiría a crear riqueza nunha zona á que “Feijóo parece ter manía, xa que a única actuación importante que quixo facer é a incineradora de lixo”, dixo Quintas.