O PSdG denuncia "o abandono e falla de limpeza do barrio de Flores por parte do concello"

22, Agosto 2014

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño denuncia "o abandono ao que o Concello ten sometido ao barrio de Flores".

Manifestan que a falla de limpeza e o mal estado das rúas é unha das queixas que os veciños desta zona teñen trasladado aos socialistas en diversas ocasións.

Salientan que o barrio de Flores é un dos  máis antigos do Carballiño e por tanto de gran interese turístico para os visitantes. Por elo, afirman "é aínda máis grave que o goberno do PP teña o barrio totalmente descoidado,  coas rúas cheas de baches e sen unha limpeza axeitada".

Recordan dende o PSdG que "a Festa do Pulpo foi un exemplo deste abandono, xa que a noite do sábado concentrou a maior parte da movida nocturna nas rúas de Flores, que ao día seguinte parecían unha zona de guerra, cheas de lixo e cristais. Tendo en conta que o día da Festa do Pulpo son moitos os visitantes que se moven polo casco urbano da vila, o lóxico sería ter limpado a zona a primeira hora da mañá e non deixala chea de lixo todo o día", remarcan.